A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebramañá mércores, 20 de maio, o ingreso do catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago (USC) Gumersindo Feijoo Costa como académico numerario da sección de Ciencias Técnicas da institución. O acto terá lugar no compostelán Pazo de San Roque, ás 18:30 horas, e estará aberto ao público.

Pronunciará o seu discurso co título “Do dato ao impacto: marco científico da sustentabilidade”. A encargada de realizar a laudatio será a académica Herminia Domínguez, catedrática de Enxeñería Química da Universidade de Vigo.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras; a directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC -ETSE-, Julia González; a decana da facultade de Química da Universidade de Vigo, Ángeles Peña; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.

Gumersindo Feijoo Costa (Cambados, 1967) é especialista na aplicación da análise de ciclo de vida e pegadas ambientais na xestión ambiental, con especial énfase no ecodeseño como elemento esencial da economía circular. Foi un dos impulsores da Red Española de Análisis de Ciclo de Vida, que puxo as bases da colaboración entre empresas e institucións que permitiu situar a España como un dos líderes neste ámbito. Dirixiu máis dunha trintena de teses de doutoramento, das que derivaron máis de 350 artigos en revistas científicas internacionais de alto impacto e na presentación de 9 patentes. En 2024 fíxose o rexistro da propiedade industrial do seu xogo educativo “Come San – Como Sostible”, que se licenciou en 2025 á empresa McGraw-Hill Education.

Realizou estadías de investigación en universidades e centros de Holanda, Israel, Chile e EEUU. Ten participado en 26 proxectos europeos con 161 universidades, centros tecnolóxicos ou empresas de todo o mundo. Ademais, participou en 16 proxectos da Axencia Estatal de Investigación e en 10 proxectos nacionais e
internacionais doutras convocatorias competitivas. Cómpre salientar igualmente a súa colaboración con numerosas empresas e institucións a través de contratos de I+D+i.

Pioneiro na análise ambiental de produtos e procesos

O impacto da súa investigación reflíctese no número de citas, que o sitúa entre o 2% de científicos máis citados do mundo segundo o ránking de Stanford. Destaca así mesmo a presenza dos seus traballos en máis de 150 documentos de planificación estratéxica da Comisión Europea e doutros 20 países como Australia, Canadá, Estados Unidos, Francia, Singapura ou Suíza.

Foi o introdutor na USC e en Galicia -e un dos pioneiros no resto de España- da análise ambiental de produtos e procesos. Ao longo destes anos realizou multitude de traballos en campos particularmente relevantes da economía galega como o forestal, a pesca, alimentación, procesos de recuperación ambiental…, desenvolvendo novas metodoloxías e contribuíndo ademais á formación de novos profesionais.

No eido da xestión universitaria, cómpre destacar a súa etapa como vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago; e como vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación. Tamén foi director do Departamento de Enxeñaría Química e na actualidade dirixe o Centro de Excelencia en Tecnoloxía Ambientais (CRETUS) da USC.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo