A sétima edición da GALICIA DESIGN WEEK (GDW) encara os seus dous últimos días de celebración entrando de cheo na súa fin de semana de clausura. Este venres 22 de maio o espazo Studio Follow acollerá unha programación que abranguerá desde a formación ou o debate profesional ata o deseño sonoro, as marcas, a arquitectura, as tendencias independentes e o lecer.
O venres comezará cun bloque cos últimos Workshops desta edición da GDW, e que porán o foco na creación e experimentación musical. De 10.00 a 12.00 horas, Sama Yax impartirá un taller de deseño sonoro a través de vinilo; e ás 12 (e até as 13.30) o produtor Rafa Santos collerá o relevo para abordar o proceso de creación dunha obra musical desde cero.
A partir das 16.30 horas darán comezo as Talks, a sección de conversas abertas e gratuítas. A tarde do venres -que comezará cunha presentación do Igape sobre o servizo de atención e acompañamento empresarial por parte da Xunta de Galicia-, destaca por reunir a algúns dos nomes máis influentes do deseño actual en mesas de debate conxuntas e individuais. É o caso de SUMMA e Grávita, dúas das consultoras de branding máis destacadas do panorama nacional, que compartirán unha mesa de debate arredor da identidade de marca.

Tamén asistirán BURR e Studio Animal, dous recoñecidos estudios madrileños de arquitectura que manterán unha agardada conversa cruzada sobre a súa rompedora visión do deseño de espazos. MURPH abordará as estratexias e metodoloxías aplicadas á dirección creativa actual e, finalmente, Paula de Álvaro, de DESIGN OFFICE FUN, pechará o bloque coas súas propostas visuais e de deseño gráfico aplicadas a proxectos actuais.
En paralelo, desde as 16.00 horas o público poderá visitar o Showroom do festival, a coidada ‘concept store’ que recolle propostas das marcas Aldea, Agustina Shuan, Bendita Flor, Brutto, Dame Après Paris, D-Due, Livegens, News&Coffee, Nuclear, Restory e Stimmug.
Ás 19.00 horas activarase a gastronomía da man de COMER, como antesala para outra das citas da noite: ás 20.00 horas gravarase en directo o podcast especializado en deseño Sin retículas. O deseñador Emmanuel Joven exercerá de moderador nunha conversa que contará coa participación de Roderic Molins (SUMMA) e Borja Pakrolsky (Amigos Solutions). O peche do venres chegará coas GDW Sessions, as sesións musicais gratuítas protagonizadas por deseñadoras e deseñadores que encherán o espazo de 21.00 a 01.00 horas cos directos de Certain People, Rafa Santos e Sama Yax.






Deja un comentario