Do 3 ao 5 de xullo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada celebrarase un ano mais o Corazón da Artesanía. No marco deste evento integral de promoción e de comercialización da marca Artesanía de Galicia e dos oficios artesanais que se está a converter nunha referencia en España, ábrese a través da web da Fundación Artesanía de Galicia o prazo de inscrición para os sete cursos de formación especializada que se desenvolverán durante esa fin de semana. En concreto, estarán centrados na decoración tradicional da olería de Buño, no origami, no bordado ao aire, na cestería, na cerámica e na confección de redes aplicada ao mobiliario.
Unha das novidades deste ano é o obradoiro de Azulexado contemporáneo esgrafiado, impartido polo ceramista Carlos Jiménez de DelAmorYlaBelleza (Murcia), no que se traballará sobre azulexos de barro vermello local aplicando engobes e posteriormente a técnica do esgrafiado cerámico.
Outra das novidades é o curso de elaboración dunha cesta de picnic, dirixido polo cesteiro Pau Trepat (Lleida), no que se aprenderá a realizar cestas con bases cadradas, tecido en teada e remate francés. Tamén vinculado ás técnicas da cestería, está previsto celebrar un obradoiro de lámpadas trenzadas, a cargo de Belén Martínez, de Casa Atlântica (Redondela), gañadora dunha das Bolsas Eloy Gesto nos Premios Artesanía de Galicia 2025.
A maiores, a artesá Zeltia Rodríguez, do obradoiro Zeltia ao aire (A Coruña) impartirá o curso de bordado ao aire, centrado nesta técnica tradicional tanto para a súa aplicación como pasamanería tradicional como para a elaboración dunha peza de xoiería.

A deseñadora e redeira Amalia Puga (A Guarda) levará de novo o seu Proxecto Bolina ata os Pendellos de Agolada, nesta ocasión co curso titulado Tecendo mobles do mar, co que aplicarán as técnicas tradicionais de confección de redes de pesca á creación de mobiliario que combine deseño, experimentación e artesanía.


Estes cursos celebraranse ao longo dos tres días do Encontro en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 21,00 h. e teñen un custo de 45 €. No caso dos outros dous cursos programados, estableceranse quendas diferentes para cada un dos días, que terán un custo de 20 €. Trátase do obradoiro de debuxo decorativo de pratos tradicionais de Buño, impartido por Luz Díaz de Alfarería Rulo (Buño, Malpica de Bergantiños); e do obradoiro Do paper art ao origami floral, a cargo de Cristina Velasco de Anaquiños de papel (A Coruña), centrado no universo da flor en papel abordando tanto técnicas escultóricas como técnicas de pregado.
Na programación do XIII Corazón da Artesanía de Agolada inclúese a participación de 50 artesáns inscritos en Artesanía de Galicia —entre expositores e docentes dos diferentes cursos—, así como 32 postos de alimentación gourmet. O evento complétase coas demostracións gastronómicas do proxecto Artesanía no Prato, con obradoiros abertos para todos os públicos, a demostración de oficios en vivo e as actuacións musicais.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo