Noites do Porto continúa expandindo a súa pegada cultural na Coruña alén dos escenarios musicais. O venres 19 de xuño, o festival inaugura a terceira edición de Noites coa Arte, unha proposta que reforza o vínculo do evento coa cidade a través da súa conexión con outras disciplinas artísticas. A exposición, que reúne pezas exclusivas e orixinais, poderá visitarse ata o 5 de xullo no Bar B (rúa Santiago, 17), un espazo que, seguindo os pasos do UmmaGumma no 2025, se converte na sede oficial desta iniciativa.
A presentación oficial ante os medios terá lugar ás 13:00 horas no propio local, onde se detallarán as claves desta colaboración. Nesta ocasión, Noites coa Arte contará coa participación de once artistas da escena plástica actual da cidade: Alejandro Mosquera, Elena Corredoira, Fernando Voyeur, Giovanna Lopalco (Pelo Di Cane), Juan Balay, Julia Abalde, Lara Pintos, Manuel Suárez, Nin9 st., Taccone e Guillermo Arias (Hangtheguille). As once figuras encargáronse de reinterpretar o cartel e a esencia de cada unha das xornadas de concertos que conforman a programación de Noites do Porto 2026.
Máis alá de apoiar e visibilizar o talento de artistas da Coruña, esta cápsula ten como obxectivo xerar unha colección artística propia de cara ao futuro, e que as pezas orixinais de cada edición sexan un arquivo vivo do deseño e da plástica local contemporánea. Na primeira edición, o artista Álvaro Doda foi o responsable de reinterpretar o cartel xeral do festival. Desde 2025, a proposta ampliouse con reinterpretacións de cada xornada e coa creación dunha exhibición aberta ao público para dar a coñecer o talento local. Con esta alianza, Noites do Porto afonda no seu propósito de mergullarse máis aínda na vida da cidade e poñer en valor os seus espazos e creadores de referencia.
A programación musical Noites do Porto comezará o 22 de xuño
A inauguración de Noites coa Arte será o preámbulo perfecto para o inicio dos directos de Noites do Porto, que arrancará o luns 22 de xuño no Jazz Filloa co concerto de Lela Soto, que xa ten todo esgotado. A programación desta sexta edición inclúe citas destacadas no peirao de Batería, como a Noite de San Xoán con Xoel López e Caamaño&Ameixeiras, ou as xornadas protagonizadas por figuras como The Horrors, COTI, Monsieur Periné, Curtis Harding, Barry B, Vera Fauna, ELLiS·D, La Tania, María José Llergo e Nadadora.
Esta oferta musical completarase tamén coas xa tradicionais sesións temáticas de Noites nos Bares en diferentes locais de referencia da cidade. As entradas para os concertos do festival seguen á venda a través de, www.noitesdoporto.com, mentres que a exposición en Bar B será de acceso libre para toda a cidadanía.






Deja un comentario