Sinsal SON Estrella Galicia é moito máis que un festival: é unha travesía que inicia o seu percorrido cunha viaxe en barco pola Ría de Vigo. Co obxectivo de pór en valor e dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico da illa, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), a organización do evento promove un ano máis un coidado programa de actividades paralelas que convidan a explorar o arquipélago desde diferentes perspectivas artísticas e divulgativas. 

En San Simón, antes de que soe a música da primeira banda ou solista -ou ao longo da tarde–, o festival propón explorar esta contorna singular a través do itinerario ‘Descubre San Simón’, asistir a un dos roteiros programados ou, simplemente, e sen présas, marcar un ritmo propio polos xardíns e ambientes deste espazo

A proposta deste ano convida ao público a realizar, en primeiro lugar, unha aproximación autoguiada grazas ao itinerario Descubre San Simón, que este ano suma unha nova parada dedicada á primeira liña telegráfica submarina de Galicia. A través dun paseo de oito estacións -con códigos QR con información en galego, castelán e inglés-, as e os asistentes poderán afondar na historia do arquipélago: como lazareto e campo de concentración, a súa conexión co Pórtico da Gloria, recuperar personaxes relevantes vencelladas ao seu pasado ou mesmo como inspiración da lírica medieval para os trobadores. 

Esta narrativa pola historia e a botánica tamén se activará a través do camiñar co roteiro Illario pantasma, comisariado por Xosé Lois G. Faílde, que propón converter o paseo nun acto ritual a través de tres estacións centradas no corpo fitolóxico da paisaxe, na pegada do imaxinario da escrita da illa e na xenealoxía política soterrada no lugar.

O eido sonoro terá un protagonismo especial grazas a dúas experiencias de escoita profunda presentadas por dous artistas e investigadores. Por un lado, Mateo Mena guiará ao público no roteiro A radio natural de San Simón, un percorrido especial – e espacial- desde o presente ata os anos nos que aínda se podía sintonizar a radio natural sen a contaminación da tecnoloxía. A través de diferentes soportes e medios, o público rastrexará e escoitará as radiacións atmosféricas.

Polo outro, Aleksander Kolkowski -o experto en tecnoloxías acústicas sonoras que nas últimas edicións do festival realiza as gravacións en cilindros de cera coas bandas do cartel do Sinsal- presentará Alborada galega. Serán tres estacións de escoita, cos seus propios ambientes, distribuídas pola illa (na cafetería e nos quioscos de cristal de Buxos e Santo Antón) onde varias instalacións con bucinas de fonógrafo, gramófono e radio antigas farán renacer gravacións históricas con voces e música de Galicia capturadas durante a era analóxica do século XX. Cada estación presentará unha banda sonora seleccionada de arquivos históricos, nos que se mesturarán fragmentos do pasado para compoñer sutís narrativas contemporáneas. 

Finalmente, a programación complétase cunha proposta que aúna creatividade, xogo e natureza pensada para todos os públicos a partir de seis anos. Trátase de A illa misteriosa, un taller desenvolvido por Arte y Garabato cuxo título se inspira nunha das novelas de Julio Verne, autor ligado á historia do arquipélago. A actividade propón un percorrido dinámico: desde a capela, pasando polos emblemáticos paseos de buxos e acacias, as e os participantes poderán explorar o espazo natural e interactuar coa paisaxe a través de elementos como a luz, as sombras e os reflexos. 

Todas as actividades serán gratuítas e contarán con prazas limitadas que se poderán xestionar o mesmo día do evento no mostrador de información do festival na illa de San Simón, alén do percorrido de Mateo Mena, que require dunha inscrición previa a través de correo electrónico (info@sinsalaudio.org).  Toda a información sobre os horarios das actividades e puntos de encontro para o inicio dos roteiros están dispoñibles na páxina web oficial www.sinsal.gal, na que é posible adquirir entradas para asistir ao evento.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo