A contorna de Santiago volverá ser territorio de historias coa chegada do XIV Festival Atlántica a concellos do Sar e A Maía. A programación nesta área aposta especialmente pola infancia, a participación comunitaria e a recuperación dos espazos cotiáns como lugares para escoitar e compartir relatos.
En Brión, o festival achegará a narración ás novas xeracións coa actividade «Onde nace a lingua», de Marta Ortiz, destinada ao alumnado da EEI Os Ánxeles.
Teo contará cunha programación ampla que abrangue diferentes públicos e localizacións. Destacando a colaboración con Arteneo e co colectivo A Rula, dúas asociacións locais. Este concello, despois de Santiago, é a sede que leva máis anos formando parte do festival, e xa van 12 anos.
O Parque dos Tilos acollerá «Can de Palleiro», de Dani Blanco; e o CEIP de Ramallosa recibirá a proposta «Contos do Norte», de Amaia Elizagoien.
As actividades continuarán con «Aitana e Avoa», de Soraya Lema, para público familiar, e con «Contos Colorados», de Vero Rilo e Ángeles Goás, nunha noite vinculada ao tecido comunitario local; e a Antiga Escola de Nenas de Agoso será escenario de «Retratos en branco e negro», de Charo Pita. A localidade pechará a súa participación coa presenza de Antonio Fontinha e a súa proposta «Inequivocamente».
A presenza de Atlántica nesta área amosa unha das liñas fundamentais do festival: facer da narración oral unha ferramenta accesible para todas as idades, capaz de habitar escolas, espazos naturais e lugares de convivencia.






Deja un comentario