Sinsal SON Estrella Galicia iniciará a súa travesía en Vigo. Na mañá do venres 24 de xullo, o festival ofrecerá dous concertos especiais na cidade olívica que terán lugar tanto no Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico coma na cámara semianecoica da Universidade de Vigo. Ambas citas, protagonizadas por solistas do país, terán prazas limitadas e o acceso a estas será preferente para as persoas que posúan o abono para San Simón.

Con esta acción, o evento cultural organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio quere agradecer ao público a súa confianza con dous agasallos musicais na mesma mañá de inicio do festival. Carme López e Mateo Mena, recoñecidas artistas sonoras e investigadoras, actuarán nestqas dúas localizacións singulares de Vigo, cidade na que comeza a “travesía” desta edición antes de partir, xa pola tarde, cara á illa de San Simón. 

Mateo Mena

O primero dos concertos terá lugar no porto vigués, concretamente no Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico, un edificio dos arquitectos Luis Laorga e José López Zanón que destaca polo seu estilo racionalista e moderno. O recinto, construído integramente en ladrillo e cemento no 1963, destaca por inaugurar no 1966 o primeiro planetario de España (e segundo de Europa). Hoxe en día segue a funcionar cos seus instrumentos clásicos e é unha ferramenta fundamental no ensino da astronomía náutica e da navegación estelar.

Neste singular espazo, o compostelán Mateo Mena, un dos artistas sonoros máis interesantes e inquietos de España, que investiga a confluencia entre ecoloxía e electromagnetismo, presentará o ‘work in progress’ Detrás do azul. Trátase dun proxecto que Mena desenvolveu en diferentes lugares dos círculos polares e que dará a coñecer o venres 24 en Vigo. Mentres o público observa as estrelas do planetario, Mena porá en relación o canto dos paxaros e os sons da ionosfera, a sonoridade -mediante un sintetizador- das tormentas electromagnéticas de Xúpiter ou unha colaboración con artistas das rexións ártica e subantártica que toma como punto de encontro o fenómeno das auroras boreais.

Carme López

O segundo dos concertos da mañá celebrarase na cámara semianecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Esta instalación destaca polo seu avanzado acondicionamento acústico,  que permite avaliar cunha precisión extrema a calidade acústica de diversos dispositivos de audio ao evitar calquera ruído externo ou reflexión do son.  

Ademais do seu uso principal na investigación académica e técnica, a cámara gañou notoriedade por albergar actividades culturais singulares, como as sesións de escoita do propio Festival Sinsal, demostrando así a súa versatilidade tanto para o ensaio científico como para a experimentación sonora profesional. Neste contexto, Sinsal propón un recital da artista e investigadora Carme López, unha das figuras máis prometedoras da música tradicional galega, cuxa obra desborda o son da gaita para ofrecer numerosas posibilidades sonoras ata a súa metamorfose.

Ambas citas serán de capacidade limitada. O acceso preferente será quen dispoña do abono Sinsal San Simón -que se esgotaron en menos de 24 de horas-, é dicir, para o público que adquiriu os pases de tres días (24, 25 e 26 de xullo) para os concertos na illa. Estas persoas poderán reservar a súa praza desde hoxe e ata o 15 de xullo a través do correo electrónico explicativo que recibiron esta mañá na bandexa de entrada da conta coa que mercaron o abono. Unha vez remate este período, de quedar localidades libres, o público con entrada de día poderá reservar a súa praza en www.sinsal.gal. 

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo