O Festival Atlántica inaugúrase, hoxe, en Vimianzo, pero faino, ademais, facendo público o mapa de Lugares míticos do reino de Galicia. Esta cartografía percorre a inmensa diversidade de lugares encantados de Galicia, onde o recordo de culturas pasadas se preservou grazas ao poder da narración oral e dos relatos transmitidos de xeración en xeración. O rico acervo mítico da tradición oral galega encheu os vellos castelos, castros e aldeas perdidas de túneles, tesouros, seres asombrosos e relatos de amor, loita e morte.
Dende o Festival Atlántica explican que tras o éxito do mapa de Seres máxicos do reino de Galicia, Manuel Gago e Leandro Lamas volven agasallarnos con un presente que engade maxia, encanto e moito valor cultural e tradición ao Festival Atlántica: o mapa de Lugares míticos do reino de Galicia, que se pode conseguir a través da súa propia web ou durante as propias actividades da programación.
O mapa de Lugares míticos do reino de Galicia presenta 46 lugares míticos de toda Galicia, cheos de historias e aventuras. «A maior parte dos lugares continúan a ser visitables e son un estupendo plan para percorrer Galicia a través dos seus lugares máis lendarios», sinalan.
Manuel Gago, guionista do mapa de Lugares míticos do reino de Galicia, detalla que «os personaxes están sempre moi vinculados a lugares, por iso pensamos, -xunto con Leandro Lamas, ilustrador do plano xeográfico-, dende o principio en representar esa dualidade da riqueza da tradición oral galega, a través dos personaxes e dos lugares, porque non se entenden de maneira diferente. Foi complexo, tivemos que facer unha selección que teña elementos moi característicos de tradición oral galega. Intentamos ter un panorama representativo da riqueza dos lugares míticos encantados de Galicia, repartidos por todo o país, e buscando que sexan tanto diversos dende o punto de vista das historias que contan e diversos tamén no territorio. Cada localización intenta contar unha historia, a idea é axudar aos rapaces e ás familias a ver no territorio e ter unha imaxe, unha idea, de Galicia. Cremos que é unha forma de que a tradición oral siga viva, siga evolucionando e se produza, garantindo a súa diversidade».
Gago engade que «os mapas son un convite a que as familias exploren esa tradición oral, da forma que eles queiran, porque non teñen itinerarios o mapa permite escoller, explorar e acompaña. Indicamos o punto de partida da historia e a idea é que a xente investigue e tamén conte a historia a súa maneira, porque a tradición oral é así, non é unha peza fixa de museo, senón que é algo que está vivo, cambiando, dinámico, adaptándose a cada sociedade. O mapa de Lugares míticos do reino de Galicia retende animar a visitar e percorrer o país, en familia, e descubrir o territorio e os puntos onde están representadas estas historias e outras moitas».
A presentación do mapa será o venres 3 de xullo nos xardíns do Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela, ás 19:15 horas, onde ademais de contar o contido do mapa, o ilustrador Leandro Lamas debuxa en directo.
A directora do Festival Atlántica, Soledad Felloza, explica que a décimo cuarta edición do Festival Atlantica, inaugurase coa función de María da Pontragha, que será a primeira sesión para público adulto. O Castelo de Vimianzo acollerá «Donas do lugar», desta narradora, unha proposta que afonda nas voces, relatos e lembranzas vinculadas ás comunidades e ao territorio. «María é unha das grandes voces da narración oral galega e que, con humor, retranca e unha enorme capacidade para conectar co público, levará a Vimianzo un espectáculo perfecto para dar o pistoletazo de saída ao festival».
Cabe destacar que a programación amplía significativamente a súa duración, con cinco días máis que na edición anterior, celebrándose do 26 de xuño ao 10 de xullo. Tamén reforza a súa presenza en todo o territorio: cun total de 33 localidades galegas, oito máis que o ano pasado. Do mesmo xeito, conta con 62 espazos escénicos e 50 artistas, con presenza de Galicia, Portugal, Navarra, Zamora, Huelva e Colombia, con continuidade do intercambio transfronteirizo e ibérico.
Asemade, continúa o Ciclo Novas Voces en varias sedes (Santiago, Mugardos, Ribeira, Pazos de Borbén, Outes, A Fonsagrada…) e amplíase o traballo en espazos patrimoniais, naturais e singulares en todo o territorio.





Deja un comentario