O Centro de Protonterapia de Galicia encara a súa recta final coa previsión de atender os seus primeiros pacientes entre finais deste ano e principios do próximo. Deste xeito, Galicia converterase na primeira comunidade en ofrecer o tratamento de protonterapia na sanidade pública.
As obras da edificación están concluídas. Do mesmo xeito, o persoal da empresa tecnolóxica que se encarga da instalación e calibrado do equipo Proteus ONE, atópase testando os sistemas clave para o funcionamento do centro, como é o caso do ciclotrón (xerador do feixe de protóns), do gantry (o sistema que dirixe o feixe de radiación), ou do brazo robotizado de posicionamento.
Co obxectivo de cumprir os prazos de entrega e aceptación do equipamento, por parte da Xunta e do Ministerio de Sanidade, durante o verán realizaranse quendas de traballo de 24 horas para acadar o establecido no cronograma, estando fixada a súa entrega para finais do mes de outubro.

Unha vez que teña lugar a aceptación formal das instalacións, a principios de novembro
comezará a fase de “comisionado clínico”, de suma importancia xa que se realizará a calibración final dos equipos, previa ao uso médico, e que vai posibilitar comezar a tratar
aos primeiros pacientes entre finais deste ano e principios do próximo 2027.
Profesionais cualificados e centro nacional de referencia
Xunto coas obras do novo Centro de Protonterapia de Galicia e a calibración do seu equipamento, o Executivo galego tamén avanza na incorporación e formación do seu
persoal.
Deste xeito o Servizo Galego de Saúde xa incorporou un equipo con catro radiofísicos hospitalarios e tres oncólogos radioterápicos, aos que sumará un cuarto no outono.
Ademais, xa se incorporaron os dous primeiros técnicos de radioterapia e está prevista a contratación de entre cinco e sete profesionais máis antes de que termine o ano. Todo o persoal está recibindo formación específica, incluíndo estancias noutros centros de protonterapia de referencia, en España e en Italia.
Están en marcha varios procesos de compra de material e equipos complementarios
mobiliario, material de calibración ou equipos de imaxe médica) de cara á posta en
marcha da nova infraestrutura.
O Centro de Protonterapia de Galicia será de referencia a nivel nacional e atenderá tamén a pacientes procedentes de Castela e León, Asturias e o norte de Portugal, cunha capacidade estimada de 250 persoas ao ano.
O centro estará especialmente enfocado a pacientes oncolóxicos con alta expectativa de supervivencia, prestando atención destacada á poboación infantil.
O investimento total do Centro de Protonterapia de Galicia supera os 60 millóns de euros entre a edificación e o equipamento. Nese orzamento están recollidos os 28 millóns de euros achegados pola Fundación Amancio Ortega á sanidade pública galega no marco do acordo para o impulso da protonterapia en España. As obras do edificio, impulsadas polo Goberno galego, están cofinanciadas con fondos europeos do programa Feder de Galicia
2021-2027.





Deja un comentario