O artista Darío Bardam inicia este luns, 6 de xullo, en Oleiros, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. La Fábrica acolle, desde hoxe e até o domingo 19 de xullo, a quinta destas residencias artísticas de 2026, en torno á proposta do bailarín canario que ten por título Phantom.
Phantom é unha proposta que se centra na relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación, examinando os catalizadores dunha danza que excede o corpo que a baila e onde o pracer de bailar xoga un papel fundamental.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco do Festival Rúa Ext-Cénica, o domingo, 19 de xullo, ás 20.00h, no Parque de Luis Seoane, en Santa Cruz, con acceso libre.
Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.





Deja un comentario