As festas do Apóstolo están a piques de comezar, e este ano volve o exitoso videomapping co financiamento do imposto de estadías turísticas que se aplica desde outubro, cun orzamento duns 100.000 euros. Trátase dunha proposta visual inmersiva que transformará o Pazo de Raxoi nun lenzo vivo, combinando creatividade, tecnoloxía e patrimonio nunha experiencia pensada para sorprender a veciñanza e visitantes.
Este espectáculo ten unha duración de nove minutos e poderase ver na praza do Obradoiro os días 24, 25 e 26 de xullo. A noite do venres 24 haberá pases cada 15 minutos entre as 00.00 e as 2.00 horas, mentres que as dúas noites seguintes serán entre as 23.00 e a 1.00 horas.
A través dun percorrido narrativo cheo de imaxinación, a fachada cobrará vida mediante diferentes escenas que xogarán coa arquitectura do edificio. A construción e o derrubamento dos seus muros, os efectos de luz, os mecanismos ocultos que semellan dar vida ao pazo ou a irrupción da natureza converterán o espazo nun escenario en constante transformación.
O espectáculo evolucionará cara a universos cheos de cor e fantasía, nos que o edificio se converterá nun gran xoguete, se cubrirá de sorprendentes texturas e reinterpretará elementos da tradición galega desde unha linguaxe contemporánea. A música marcará o ritmo dunha posta en escena na que imaxe e son avanzarán da man ata desembocar nun espectacular final de fogos artificiais virtuais que encherán a fachada de luz e cor.
Este videomapping está deseñado pola empresa Quatro Gatos e será proxectado por Art Music como unha experiencia para todos os públicos que pon en valor o patrimonio arquitectónico de Santiago a través das novas tecnoloxías.

Os tradicionais fogos do Apóstolo lanzaranse, coma o ano pasado, o día 24 de xeito sincronizado desde tres localizacións con variedade de efectos de cores a partir das 23.30 horas. A Alameda, a escalinata das Fontiñas (parque Carlomagno) e a Cidade da Cultura son os puntos de tirada do espectáculo pirotécnico, permitindo a un gran número de composteláns e compostelás e visitantes presenciar o espectáculo desde diferentes localizacións da cidade. O día 31 os fogos botaranse desde a Alameda.
Concerto de The Rapants
O venres 31 de xullo as festas do Apóstolo chegarán ao seu final coa banda galega The Rapants, que subirá ao escenario da praza da Quintana.
As actuacións musicais inclúen artistas internacionais como Lila Downs e Belém Tajes, que actuarán a noite do 24 tamén na Quintana.
Ademais, mantéñense citas clásicas coma os cabezudos, as orquestras na Alameda, a Festa Pícara, o día 23; as Xornadas do Folclore, o sábado 25; ou o Día do Traxe Galego, o domingo 26. As atraccións estarán instaladas na Alameda desde o sábado 18.
Queda pendente de coñecer á persoa encargada de dar o pregón, así coma o cartel das festas de Santiago ao completo, que se desvelarán nos vindeiros días.






Deja un comentario