A Coruña volve poñer en valor un dos peixes que triunfan na súa lonxa na terceira edición das Xornadas Gastronómicas ‘A Coruña, que bonito!’, unha iniciativa impulsada polo Concello herculino para promover o consumo deste produto, dinamizar a hostalería e reforzar o atractivo turístico da cidade durante o verán.
Nesta edición participan 26 establecementos hostaleiros, que ofrecerán ata o vindeiro 16 de agosto un total de 43 elaboracións nas que o bonito da Lonxa da Coruña será o gran protagonista. A proposta busca combinar tradición e innovación arredor dun peixe que destaca pola súa calidade, sabor e valor nutricional.
O bonito, un dos produtos máis representativos da costa atlántica, atópase nestas semanas no seu mellor momento de consumo. Tras pasar o inverno en augas máis cálidas, regresa ao norte na procura de alimento, dando lugar a unha campaña curta que converte o verán nun período privilexiado para degustalo.
As persoas que se acheguen aos locais participantes poderán atopar desde receitas tradicionais como o marmitako, o bonito á galega, a ventresca ou distintos escabeches, ata propostas máis innovadoras inspiradas na cociña contemporánea, como tartares, tatakis, ceviches ou xildas elaboradas con este produto da lonxa coruñesa.

Ademais, algúns establecementos ofrecerán recomendacións de maridaxe con cervexas 1906 de Estrella Galicia, empresa colaboradora desta iniciativa gastronómica.
Os locais participantes nesta terceira edición son: Asador Coruña, Miña Nai, A Sella Cervecería, La.Con.Fusión, Casa Matilde, Cosecha 81, Terreo Cocina Casual, Greca Bar, Salitre, Restaurante Morriña, Cantón 23, Vermutería Martínez, Restaurante La Marola (Hotel Zenit), Arraigo, La Sinfonería Gastrobar, Rincón del Reino, Culuca, Taberna da Galera, Taberna da Tabacalera, A Pulpeira de Melide, Sr. Limón, Ultramarinos Galera, Bodega 1981, A Espiga, Restaurante Pracer e Restaurante Mesón de Herves.






Deja un comentario