Na cuarta campaña arqueolóxica do Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro, están a aparecer numerosos materiais arqueolóxicos, especialmente cerámicos. Con todo, hai un que chama especialmente a atención, unha pequena peza dun centímetro de diámetro pertencente a un colar de concas de vidro bañado en ouro que, segundo as primeiras pescudas, podería ser orixinario da Illa de Rodas, en Grecia. Pero este non é o único achado relevante, hai tan só un par de días, o equipo de escavación atopaba varios fragmentos pertencentes a unha mesma vasilla decorada con motivos sogueados, un elemento característico da cultura castrexa.
Este proxecto ofrece ao estudantado a oportunidade de participar nunha escavación arqueolóxica de primeiro nivel, adquirindo experiencia práctica e traballando en contacto directo co patrimonio cultural.
O castro de Esmelle está a converterse nun referente non só a nivel local, senón tamén no ámbito da investigación arqueolóxica en Galicia. Os achados que se están a realizar axudan a reconstruír a historia e a comprender mellor como vivían as comunidades que habitaron estas terras hai séculos”.
O director científico desta cuarta campaña arqueolóxica e director tamén da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, Juan Luis Montero Fenollós, explicou que os traballos que se están a desenvolver no Castro de Esmelle permiten coñecer “cada vez mellor” a complexidade da sociedade castrexa: o seu modo de vida, o urbanismo, a cultura material, as relacións comerciais e, en definitiva, a organización dunha comunidade que segue ofrecendo información de gran valor científico e patrimonial.
Novos sectores de intervención
A campaña, iniciada o pasado 13 de xullo, continúa ampliando o coñecemento dun castro da Idade de Ferrol cunha superficie estimada de 20.000 metros cadrados e tres aneis defensivos. Nas campañas anteriores descubriuse unha rúa pavimentada na que a día de hoxe se segue a traballar, situada na entrada principal do asentamento, un edificio alongado e un torreón defensivo.
Nesta cuarta escavación arqueolóxica abríronse tres novos sectores de intervención: un centrado no acceso ao castro, outro xunto ao gran edificio colectivo e un terceiro na croa, ao carón do primeiro recinto amurallado escavado. A campaña continuará durante o mes de agosto cos traballos de restauración e consolidación de varios dos edificios descubertos, así como coa elaboración dun plano topográfico de alta precisión de todo o xacemento.
Un equipo de traballo integrado por preto 20 persoas
Juan Luis Montero Fenollós e Samuel Nión Álvarez, director científico e director técnico, respectivamente, están a liderar un equipo de traballo integrado por preto de 20 persoas, formado maioritariamente por estudantado universitario, persoas recentemente tituladas, así como persoal investigador vinculado á Universidade da Coruña (UDC), á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e á Universidad Complutense de Madrid (UCM).
Un ano máis, a campaña arqueolóxica está impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial.

cuarta campaña arqueolóxica no Castro de Esmelle, entre eles, a peza do colar e varios dos fragmentos dunha mesma vasilla decorada con motivos sogueados
“Aberto por Escavación”, visitas guiadas gratuítas
A proposta divulgativa “Aberto por Escavación” ten programadas visitas guiadas ao Castro de Esmelle este xoves 30, ás 11:00 e ás 16:00 horas, e o venres 31 de xullo, as 11:00 horas. O punto de encontro será o local da Asociación de Veciñal Val de Esmelle. Ao longo do último ano, o xacemento recibiu arredor de 1.400 visitas. Desde o pasado mes de febreiro, as visitas son guiadas pola especialista Lucía Brage grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Universidade da Coruña (UDC) e a Fundación Luis
Monteagudo.





Deja un comentario