Xacarandaina cruzará por primeira vez o Atlántico para levar ao Brasil unha parte do patrimonio tradicional galego. O Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina afrontará entre o 27 de agosto e o 11 de setembro a primeira xira transatlántica dos seus 48 anos de historia, unha expedición integrada por 29 persoas que levará a música e o baile tradicional de Galicia aos festivais internacionais de folclore de Imigrante e Nova Prata, no estado brasileiro de Rio Grande do Sul.
Xacarandaina participará no Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026, que se desenvolverá no marco da 22ª edición do Festival Internacional de Folclore de Nova Prata e reunirá formacións internacionais entre o 2 e o 6 de setembro.
A presenza de Xacarandaina no Brasil nace dunha selección realizada pola propia organización, que coñeceu o traballo do grupo galego hai tres anos, durante a súa participación no Festival Internacional de Zamora. Tras descubrir alí a proposta artística da formación coruñesa, a organización convidouna a participar nos encontros de Imigrante e Nova Prata e no Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026.
Será un dos maiores desafíos internacionais afrontados por Xacarandaina e tamén unha oportunidade excepcional para mostrar fóra de Europa o resultado de case medio século de investigación, recuperación, conservación e dignificación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.
Á fronte da expedición estará Quique Peón, director de Xacarandaina desde 1982 e unha das figuras fundamentais da investigación e transmisión da música e do baile tradicional galego.
Coreógrafo, investigador, intérprete e docente, Peón desenvolveu ao longo da súa traxectoria un extenso labor de campo que permitiu recuperar e restaurar centos de bailes, danzas, músicas, traxes, instrumentos e costumes tradicionais.

Máis de 500 bailes recuperados ao longo de case medio século
Fundado na Coruña en 1978, Xacarandaina converteu a investigación do folclore galego no eixo central do seu traballo.
Durante décadas, os seus integrantes percorreron aldeas e lugares de toda Galicia para documentar músicas, bailes, danzas, cancións, instrumentos, indumentarias e costumes, nun intenso labor de investigación etnográfica que permitiu recuperar máis de 500 bailes tradicionais e contribuíu de maneira decisiva á conservación e transmisión deste patrimonio.
Ese traballo de recuperación convive desde os seus inicios cunha intensa actividade escénica. Xacarandaina participou en máis de 150 festivais nacionais e internacionais e levou a cultura tradicional galega a países como Francia, Portugal, Italia, Hungría, Romanía, Escocia, Bélxica, Eslovaquia, Ucraína ou Polonia, entre outros.
A formación chega ademais ao Campionato Mundial FIDAF cunha importante experiencia competitiva internacional e dous premios conseguidos fóra de España: no festival Dances et Traditions Populaires de Châteauneuf-du-Faou, en Francia, e no Festival Zemplén de Hungría.






Deja una respuesta