O Festival de Cinema Fantástico e de Terror Lóstrego, celebraráse do 2 ao 5 de setembro no Forum Metropolitano coruñés. Unha cita que volve ofrecer na cidade herculina o mellor cine fantástico cunha programación dirixida a todos os públicos. Durante catro xornadas, Lóstrego ofrecerá proxeccións, estreas, unha sección oficial de curtametraxes, talleres, encontros con profesionais, actividades infantís, espazo literario e unha exposición de arte, consolidando o Fórum Metropolitano como punto de encontro para o cine fantástico na Coruña.
Un dos grandes atractivos desta segunda edición será a súa aposta por achegar ao público películas inéditas ou de especial relevancia dentro do panorama fantástico. A programación inclúe a estrea en Galicia de “Chainsaws Were Singing”, así como a preestrea mundial de “Rough Dog”, que poderá verse por primeira vez dentro do festival. A elas súmase a estrea en Galicia de “Luger”, coa presentación da actriz Ana Turpin.

A programación cinematográfica, indicou o concelleiro, complétase con catro bloques da Sección Oficial de Curtametraxes, distribuídos ao longo do festival, ademais dunha sesión específica de curtametraxes infantís e a sección Lóstrego en 60″, ampliando o espazo dedicado á creación audiovisual e aos novos talentos.

festival lostrego 2026


Do cine á creación: talleres e encontros con profesionais
Lóstrego volve apostar pola participación do público a través dunha programación de talleres que permitirá achegarse de forma práctica a distintos ámbitos da creación cinematográfica.
Entre as propostas destaca o taller “Crea a túa propia prop”, impartido por Marc Castro, profesional especializado na creación de atrezo e props para cine. Tamén se desenvolverá o taller “Guión: da idea á pantalla”, con Santiago Bolívar, orientado a descubrir o proceso que permite transformar unha idea inicial nun proxecto audiovisual. O programa incorpora ademais diferentes actividades prácticas e familiares, como “Crea a túa máscara de Mochito”, Traballos manuais máxicos, a Xincana Máxica e outras propostas destinadas a que o público infantil poida participar activamente no festival. Os encontros con profesionais terán tamén un peso salientable. O festival contará cun coloquio sobre o fantaterror, unha charla sobre o mundo da dobraxe con Sara Polo e Adán Latonda e un encontro dedicado á distribución da curtametraxe con F. Pazín.

Unha mirada ao bestiario e á literatura galega
A programación de Lóstrego esténdese tamén ao ámbito expositivo coa inauguración dunha exposición de bestiario galego, unha proposta que conecta o imaxinario fantástico coa estética do tarot. A mostra abrirá as súas portas durante o festival e poderá visitarse como parte das actividades paralelas.
A literatura terá igualmente o seu espazo cun coloquio, presentación e sinatura de libros, reforzando o carácter multidisciplinar dun festival que entende o fantástico non só como un xénero cinematográfico, senón como un territorio común para o cine, a literatura, as artes e a creación.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo