United Airlines manterá en 2027 a ruta directa entre Santiago de Compostela e Nova York, unha conexión estratéxica tanto para o aeroporto Rosalía de Castro como para o sector turístico da capital galega. A confirmación, realizada con notable antelación respecto dos prazos habituais de planificación das compañías aéreas, garante a continuidade dunha das conexións internacionais máis relevantes de Santiago.
A ruta entre Santiago e Nova York comezou a operar o pasado 28 de maio e converteuse no primeiro voo en aterrar no aeroporto compostelán tras a reapertura das instalacións, que permaneceron pechadas desde a segunda quincena de abril ata finais de maio por mor das obras de remodelación.
A conexión coa cidade estadounidense abriu unha tempada de verán marcada polo reforzo da conectividade internacional do Rosalía de Castro. Ao longo destes meses tamén se produciron a chegada de KLM, cunha conexión directa con Amsterdam; a apertura por parte de Aer Lingus da ruta con Cork; ou o incremento das frecuencias de Lufthansa con Frankfurt, que alcanzou un voo diario durante os meses centrais do verán.
Estados Unidos, principal mercado internacional
A continuidade da conexión con Nova York ten tamén unha especial relevancia para o sector turístico compostelán. Estados Unidos é actualmente o principal mercado emisor internacional para Santiago e conta cun peso crecente entre os visitantes que escollen a cidade como destino.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), entre xaneiro e xullo o turismo internacional representou xa o 56 % das estadías rexistradas en Santiago, con 416.043, fronte ao 44 % correspondente ao turismo doméstico. A aposta pola conectividade aérea internacional encaixa así na transformación do modelo turístico da cidade, que busca incrementar o peso da demanda procedente doutros países.
Este tipo de visitante, ademais, adoita realizar un maior gasto diario e achegar un maior valor engadido á economía local, polo que dispoñer de conexións directas con mercados afastados como o estadounidense constitúe un elemento relevante para a estratexia turística de Compostela.
Máis conectividade de cara a 2027
A confirmación de United Airlines chega despois doutros anuncios que apuntan a un incremento da actividade internacional do aeroporto compostelán na próxima tempada de verán.
Vueling anunciou a incorporación dun quinto avión con base en Santiago, mentres que Wizz Air adiantou a apertura da súa nova base no Rosalía de Castro. Inicialmente prevista para febreiro, a compañía situou finalmente o inicio da actividade no aeroporto no 17 de decembro.
O escenario que se debuxa para 2027 apunta, polo tanto, a unha continuidade na expansión da conectividade internacional de Santiago, con novas rutas e un aumento potencial das frecuencias. Para o aeroporto Rosalía de Castro, a permanencia de United Airlines supón ademais consolidar unha conexión directa con Nova York que facilita tanto a chegada de visitantes estadounidenses como as viaxes das persoas residentes en Compostela e no conxunto de Galicia cara a Norteamérica, sen necesidade de realizar escalas.





Deja un comentario