Xacarandaina regresa do Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026 cun novo recoñecemento internacional e cun resultado que sitúa o baile e a música tradicional galega entre as propostas máis destacadas do certame. O grupo coruñés acadou o segundo premio da competición internacional, celebrada no marco da 22ª edición do Festival Internacional de Folclore de Nova Prata, no estado brasileiro de Rio Grande do Sul.
O resultado chegou despois dunha final extraordinariamente reñida coa formación de Bulgaria, Sofía 6, que finalmente se fixo co primeiro premio. Segundo recoñeceu o propio xurado, a decisión entre ambas as propostas obrigou a unha deliberación especialmente complexa, a máis axustada dos 22 anos de historia do certame.
O segundo posto supón así un importante recoñecemento para Xacarandaina na que é a primeira xira transatlántica dos seus 48 anos de historia, na que unha expedición integrada por 29 persoas levou ao Brasil unha mostra do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.
A participación no campionato constituía un dos grandes retos internacionais afrontados ata agora pola formación dirixida por Quique Peón. Xacarandaina tivo que condensar en apenas oito minutos de actuación cada noite diferentes expresións do patrimonio tradicional galego, con repertorios que combinaron baile, música e indumentaria procedentes de distintos puntos de Galicia.

O xurado internacional valorou aspectos como a técnica, a interpretación artística, a música, o vestiario, a identidade das propostas coreográficas e a impresión xeral. Fronte a formacións procedentes doutros países e tradicións folclóricas, Xacarandaina levou ao escenario unha proposta construída a partir do traballo de investigación e recuperación etnográfica desenvolvido polo grupo durante case medio século.
Un novo premio internacional para Xacarandaina
Este segundo premio no Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026 amplía o palmarés internacional dunha formación que xa contaba con dous recoñecementos conseguidos fóra de España, no festival Dances et Traditions Populaires de Châteauneuf-du-Faou, en Francia, e no Festival Zemplén de Hungría.
O resultado cobra ademais un significado especial pola maneira na que naceu a participación de Xacarandaina no certame. Foi a propia organización a que seleccionou e convidou o grupo coruñés despois de descubrir o seu traballo hai tres anos no Festival Internacional de Zamora.

Aquela actuación abriu a porta a unha viaxe que levou por primeira vez a Xacarandaina ao outro lado do Atlántico e que culmina agora cun segundo posto nun dos grandes encontros internacionais de folclore vinculados á Federación de Festivais Internacionais de Danza (FIDAF).
O Festival Internacional de Folclore de Nova Prata, creado en 1998, reuniu ao longo da súa historia máis de 4.000 artistas nacionais e internacionais e foi recoñecido durante catro anos consecutivos, entre 2019 e 2022, como mellor festival do mundo da FIDAF.






Deja una respuesta