Fogar da verbena literaria, ese é o lema baixo o que Iago Fandiño e Pilar Astray poñen en marcha Calcán Editoria, un novo selo, con sede nunha parroquia rural de Miño, que xorde co obxectivo de apostar polo que denominan ouveos cheos de emocións.
“Queremos dar espazo a textos escritos por novas voces ou olladas narrativas con identidade propia, que rachen co establecido ou autores que non teñan cabida no actual mercado literario”, apunta Fandiño, que engade que a idea é publicar libros “Que conteñan historias ou versos que xoguen cos xéneros literarios, coa linguaxe na súa forma e contigo, que aporten frescura á literatura galega”.
A sua compañeira de viaxe nesta aventura, Pilar Astray, ten clara a liña a seguir nesta nova editora. “Queremos introducir xéneros que actualmente posúen unha presenza residual dentro do panorama literario galego, como poden ser a fantasía, a romántica, os libros enfocados ao público de young adult, entre outros”, apunta. “En definitiva, libros e produtos culturais sen medo de estar vivos, que posúan ese carácter de rebeldía, de innovación e de integración da cultura galega noutros novos formatos e linguaxes”.
E baixo esta premisa, Calacán presentaba este venres a súa proposta nun almorzo con escritores, librarías a medios, no que non faltou a presenza do seu primeiro autor publicado, Rober Cagiao. A súa últioma novela, “A dama de Anboto”, publícase en galego con esta nova editora, convertíndose a primeira obra do recén nacido proxecto editorial.
A editorial adiantou a súa intención de publicar de cara ao outono unha colección de libros de relato breve en bolsillo, así como unha colección de poesía, “e dar cabida a xéneros e temáticas que ata o de agora tiñan pouco espazo no galego, como a fantasía, o terror, a romántica ou mesmo a erótica”.
O seu primeiro libro editado, “A Dama de Anboto”, de Rober Cagiao, que veu a luz esta mesma semana, esgotou a súa primeira edición -500 exemplares- en menos de 48 horas, e vai camiño xa da primeira reimpresión, que está lista a vindeira semana.






Deja un comentario