O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza”
iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto
Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole
-sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e
coordinación. Na cuarta edición do programa, que acaba de concluír, participaron 30 pemes
innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.
Durante os dez meses de duración do programa, traballouse na saída ao exterior das
empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido,
abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a
mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas
e deseños industriais ou intelectuais, así como na detección de posibles colaboracións con
outras empresas.
Unha planta de produción con capacidade para máis de 15.000 botellas ao día
Entre as pemes participantes atópase Artio Nutrición, situada na localidade de Padrón.
Dedícase á elaboración de bebidas funcionais e isotónicas innovadoras, únicas no mercado,
a base de auga de mar dos afloramentos mariños das Illas Cíes, un fenómeno oceánico
excepcional. Comercializa diferentes solucións naturais e con distintos sabores -limón,
laranxa, frambuesa, lima, tropical e neutro-, todas elas sen azucres nin edulcorantes
artificiais, mantendo a sostibilidade en todo o proceso.
Estas bebidas caracterízanse pola súa alta mineralización, xa que conteñen ata 78 minerais
naturais, similares aos do plasma sanguíneo. Están deseñadas para mellorar a hidratación, a
recuperación e o benestar xeral, tanto para deportistas como para consumidores que
buscan unha alternativa saudable na súa vida diaria.
Constituída en 2022, conta cunha planta de produción no municipio de Dodro, con
capacidade para máis de 15.000 botellas ao día. Ademais, desenvolve iniciativas de I+D en
colaboración con entidades como a Universidade de Vigo, experimentando con novos
ingredientes como posbióticos ou compostos minerais encapsulados, de cara á creación de
novos produtos funcionais.
As bebidas de Artio xa teñen unha grande aceptación no mercado nacional. A empresa
conta ademais cunha importante experiencia exportadora nos EEUU, Francia, Italia, Portugal
e o Reino Unido; que representa o 10% das súas vendas. Coa axuda do programa “Galicia
Avanza”, están a ampliar a súa presenza nestes países e abrindo mercado noutros como os
Emiratos Árabes (en particular Dubái), Alemaña e Xapón, todos eles cunha demanda
crecente deste tipo de produtos.
No marco do programa, traballouse na obtención de certificados internacionais (como a
certificación Halal, que garante a conformidade dos seus produtos cos requisitos de
consumo da poboación musulmá) e na protección da marca, creouse unha versión
multilingüe da súa páxina web, adaptáronse os produtos e os envases aos mercados de
destino, elaboráronse etiquetas de sustentabilidade do produto, impulsouse a participación
en misións comerciais e feiras internacionais, entre outros aspectos destinados a apoiar a
internacionalización da firma.






Deja un comentario