O Clúster do Audiovisual Galego reelixiu a Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo, como presidente para os vindeiros tres anos. Así o decidiu a Asemblea Xeral de socios por unanimidade, polo que sigue á fronte da entidade como o fai desde 2023. A asemblea tamén ratificou o resto de integrantes da Xunta Directiva que acompañarán ao produtor neste segundo mandato.
A elección tivo lugar na asemblea xeral ordinaria celebrada o venres 8 de maio en Pedralonga Estudios. A orde do día comezou coa aprobación das contas do exercicio 2025 e do orzamento do 2026, e proseguiu coa presentación das liñas de actuación para este ano e coa ratificación dos novos asociados que se incorporaron ao Clúster.
Posteriormente, a Asemblea apoiou a única candidatura presentada ás eleccións do organismo con Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo, como presidente. Gaspar Broullón, de OlloVivo, repite como vicepresidente e Álvaro Pérez Becerra, de Undodez, incorpórase como tesoureiro. Nas vogalías continúan Fernanda Tabarés, de Voz Audiovisual; Borja Pena, de Vaca Films, e Chelo Loureiro, de Abano Producións, e incorpóranse Ana de Aspe, de La Tribu Verde, e Marco Dalla Costa, do Instituto Tecnolóxico de Galicia.
O cargo de secretaria seguirá sendo desempeñado por Mar Varela. Alfonso Blanco agradeceulles aos membros saíntes da xunta a súa implicación coa entidade e co sector durante os últimos anos, e á nova Xunta Directiva a súa confianza para seguir liderando este proxecto empresarial, que continuará apostando por realizar proxectos colaborativos de alto impacto que supoñan a mellora da competitividade dos socios do Clúster do Audiovisual Galego.
A xornada serviu para facer balance do último ano, diagnosticar o presente e, sobre todo, trazar as liñas estratéxicas para o futuro inmediato. Obxectivos para os vindeiros tres anos A continuidade nas liñas de actuación marcará a actividade do novo equipo directivo que estará á fronte da entidade durante o vindeiro trienio. O plan de traballo do Clúster a curto e medio prazo reforza a súa aposta nos seguintes eixos estratéxicos: innovación e desenvolvemento tecnolóxico, internacionalización, formación, dinamización sectorial e sustentabilidade. http://www.clusteraudiovisualgalego.com
No anterior período o equipo directivo desempeñou unha labor moi positiva tanto para o Clúster como para os intereses dos seus asociados. Nos últimos tres anos incrementouse a masa social da entidade, potenciáronse accións estratéxicas no ámbito da internacionalización, innovación e dinamización do sector, promovéronse novos proxectos de especial relevancia para o futuro do audiovisual galego, e mantívose un papel activo en Pedralonga Estudios, sociedade xestora do Coruña Estudio Inmersivo, o maior centro de produción virtual en España emprazado na Cidade das TIC da Coruña, que está deseñado para converterse nun centro neurálxico do audiovisual a nivel internacional, e de dous platós de 2.500 e 2.000 metros cadrados que se encontran en construción. Actualmente, o Clúster do Audiovisual Galego está conformado por unhas 60 compañías e entidades (produtoras, distribuidoras, canles de televisión, empresas de servizos, centros tecnolóxicos, bufetes de avogados, universidades e centros de formación, asociacións sectoriais, etc.), que integran toda a cadea de valor do sector en Galicia.





Deja un comentario