A Coruña foi unha das 5 cidades europeas (con Valencia, Zaragoza, Badaxoz e Xénova) elixidas para formaren parte do proxecto piloto de mobilidade inclusiva Spot4Dis, que conta co financiamento de Google e busca facilitar o acceso e localización das prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida a través de tecnoloxías de última xeración como o Street View, a IA ou o mapeamento satelital.
Este proxecto ten como obxectivo incorporar ao día a día das cidades cuestións como a localización, de forma rápida, de prazas de estacionamento adaptadas ás persoas con mobilidade reducida. Permitirá consultar a súa dispoñibilidade en tempo real, comunicará incidencias e contribuirá a un uso máis xusto dos recursos.
Spot4Dis é un proxecto piloto ideado coa Asociación de Persoas con Mobilidade Reducida (AsoPMR) para implantar fórmulas avanzadas e experimentais no ámbito da planificación da mobilidade nas cidades, de cara a facilitar o desenvolvemento das persoas usuarias con limitacións físicas.
Para contribuír ao desenvolvemento da app e da súa posta en práctica na cidade, o Concello coruñés puxo ao dispor do proxecto a base de datos actualizada de prazas PMR existentes e previstas, a normativa aplicable, imaxes de sinalización, contribuíu á difusión pública e achegou un marco de seguimento para avaliar o impacto e mellorar os resultados.
Algunhas das funcionalidades desenvoltas polo proxecto son a consulta de dispoñibilidade e reserva de prazas PMR e o acceso ás prazas mediante unha barreira intelixente.

“A Coruña abordará nos vindeiros anos cambios profundos na planificación urbana, e a participación nun proxecto con Google e catro concellos máis permitirá incorporar a perspectiva de inclusión social para facer unha cidade máis igualitaria que elimine barreiras. Este proxecto abre unha nova colaboración tamén coa Universidad Politécnica de Barcelona para a innovación tecnológica como ferramenta de transformación social”, afirmou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica coruñés, José Manuel Lage.





Deja un comentario