A problemática arredor do salón de actos do CIFP Imaxe e Son da Coruña suma un novo capítulo coa iniciativa rexistrada polo Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia para esixir explicacións sobre a paralización das obras dun espazo formativo que leva xa dous cursos sen estar operativo.

O salón de actos, considerado unha infraestrutura “clave” para ciclos formativos ligados á iluminación, son, produción e rexidoría de espectáculos, permanece inutilizable tras unha intervención iniciada para modernizar as instalacións e vencelladas tamén a uns traballos para rebaixar os altos niveis de radón detectados no centro. Segundo os socialistas galegos, en novembro de 2022 anunciouse a licitación das obras para a renovación integral do salón de actos cun prazo de execución de seis meses. Non obstante, os traballos quedaron estancados ao detectarse deficiencias non previstas, deixando o espazo completamente desmontado, sen butacas nin escenario e sen posibilidade de uso.

Esta situación está a ter efectos directos na aprendizaxe, ao limitar ensaios e prácticas interciclo fundamentais para a formación do alumnado que requiren dun espazo escénico adecuado dotado con material técnico de son, iluminación… Malia que a comunidade educativa trata de suplir estas carencias, é inevitable que a falta desta infraestrutura clave conleve a perda de contidos e experiencias esenciais para a formación do alumnado.

Neste contexto, a deputada socialista Silvia Longueira explicou que a Escola de Imaxe e Son da Coruña é “unha das escolas referentes dentro do audiovisual en España e referente total para os nosos creadores”, e advertiu de que o alumnado leva dous anos sen poder realizar prácticas fundamentais de iluminación, son ou escenografía debido á paralización das obras.

Así mesmo, indicou que o seu grupo levará ao Parlamento unha batería de iniciativas nas que se inclúe unha pregunta concreta para coñecer cando ten previsto a Xunta rematar estas actuacións, xa que, segundo sinalou, o alumnado “non pode rematar nin pode practicar a ensinanza que se leva a cabo” no centro. A iniciativa socialista insta á Xunta de Galicia a finalizar as obras antes do inicio do vindeiro curso, remitir un informe detallado sobre as causas do atraso e habilitar de urxencia un espazo alternativo que permita desenvolver as actividades formativas mentres o auditorio continúe inutilizado, xa que o espazo quedou completamente desmontado: sen butacas, sen escenario e sen ningunha posibilidade de uso. A pesar de que nunha nota de abril de 2025, a Xunta incluiu a «reforma del salón de actos del Centro Integrado de FP Imaxe e Son» entre as intervencións xa rematadas na Coruña, a realidade é que o espazo está presidido por un gran burato á espera de que se resolva o conflicto técnico e económico que frenou a execución e está lastrando a formación dos futuros profesionais do audiovisual galego.

Estado actual do buraco aberto na parede do teatro do CIFP para facer as obras que non se remataron

En paralelo á vía institucional, a comunidade educativa tamén deu o paso á mobilización. O alumnado puxo en marcha a campaña #teatronaeisxa, creando un perfil de Instagram co obxectivo de visibilizar o problema e reclamar solucións.

O alumnado participante no musical que non puideron ensaiar nin representar no CIFP Imaxe e Son

A iniciativa, que comezou ao rematar o musical «Culpables de Ser» (que tivo que ser representado no Forum Metropolitano por falta dun espazo axeitado), que denuncia o impacto da falta de teatro na súa formación, vai gañando apoio e pretende amplificar o malestar existente no centro e acadar unha solución para evitar que outra promoción saia do CIFP Imaxe e Son sen poder facer as prácticas precisas no teatro.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo