O absentismo laboral é hoxe un problema de carácter estrutural, e máis do 60 % das empresas recoñece que afecta de maneira alta ou moi alta o seu rendemento operativo. Este feito repercute de maneira directa no mercado laboral galego, situando a Galicia como a segunda comunidade autónoma tanto en porcentaxe de xornadas perdidas (7,6 %, fronte ao 6,3 % estatal), como en duración media das incapacidades e na prevalencia de procesos de longa duración. Esto ten un grande impacto na competitividade do tecido produtivo e no benestar dos traballadores. En termos económicos, o absentismo supuxo en 2024 un custo directo de preto de 985 M€ para a Seguridade Social e de 964 M€ para as empresas galegas, cun aforro potencial neste eido de 170 millóns no caso de que Galicia igualase os niveis medios de absentismo do conxunto estatal. Ademais, o impacto anual estimado sobre o Produto Interior Bruto galego do absentismo non cuberto acadou os 2.268 M€, aproximadamente o 3 % do PIB. Expertos da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo realizaron un informe sobre o impacto do absentismo laboral na economía galega que conclúe que existen factores estruturais, como o avellentamento da poboación ou a estrutura produtiva que só determinan un terzo da fenda na duración das baixas entre Galicia e o resto das CCAA, o que abre unha ventá de oportunidade para definir e implementar estratexias de mellora dialogadas cos axentes sociais.

Estes datos evidencian unha realidade que, segundo a Xunta, un goberno responsable debe abordar con rigor e responsabilidade. Neste sentido, o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, precisou que o obxectivo da Xunta non é en ningún caso cuestionar as baixas laborais (un dereito absolutamente lexítimo dos traballadores e traballadoras), senón adoptar medidas que permitan reducir o seu impacto negativo reducindo as baixas evitables, reforzando a prevención de riscos laborais e o benestar no traballo, optimizando os procesos de xestión e control para evitar prolongacións innecesarias ou, tamén, loitando contra abusos.
Impulso ao Diálogo Social
Neste marco, o conselleiro puxo en valor o papel do Diálogo Social como ferramenta fundamental para analizar esta realidade, escoitando a empresarios e sindicatos e promovendo medidas eficaces desde o máximo respecto aos dereitos laborais.
A Xunta pretende avanzar no seo do Diálogo Social na elaboración dun plan integral para reducir o impacto do absentismo en Galicia. Este programa, dentro das competencias autonómicas, terá como obxectivo mellorar o funcionamento do sistema e protexer os dereitos de empresas de traballadores.






Deja un comentario