Mañá arranca a sexta edición do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), a cita que consólida á cidade da Coruña como o epicentro da comedia e do ‘stand up’ en España durante 11 xornadas. Ata o vindeiro 3 de maio, máis de 40 artistas de ámbito local, autonómico, nacional e internacional reuniranse na localidade herculina para facer rir sen acougo ao público cunha oferta de 19 espectáculos, ademais de diversas actividades paralelas como conversas, proxeccións ou exposicións, demostrando que o EMHU é o termómetro perfecto da comedia contemporánea.
Álex Clavero, Arantxa Treus, Bárbara Grandío, Carolina Iglesias, Daniele Finzi Pasca, David Amor, David Cepo, David Perdomo, Eva Hache, Eva Soriano, Facu Díaz, Galder Varas, Ignatius Farray, Jazmín Abuín, Jesús el Negro, JJ Vaquero, La Forte, Laura Márquez, Luis Piedrahita, Miguel Lago, Miguel Miguel, Nanutria, Omayra Cazorla, Rober Bodegas, Roberto Vilar, Victoria Martín, Wilbur, Xosé A. Touriñán e Yunez Chaib, xunto ao elenco de Corta el cable rojo, son protagonistas dunha programación á que se unen, a través das súas actividades paralelas, nomes como Billy Bluff, Candela Sierra (Premio Nacional de Cómic 2025), Dani Fontecha e Alfonso ‘Cocituber’, Jöns Pappila, Malena Alterio, Nikki García e Xavi Puig (El Mundo Today), Riki Blanco e Ximena Feijoo, ademais da ‘troupe’ da Escola de Impro da Coruña.
Máis da metade da programación troncal do EMHU son novidades: o público poderá asistir a 4 estreas absolutas (Caso, Chisteria colectiva, Contra todo pronóstico e Pintando a mona xuntos) e 6 espectáculos que se presentan por primeira vez en Galicia (Disparate, Estirando el chicle: el show de Mentira y Traición, Estoy como nunca, Ícaro, Nanutria en A Coruña e Yunez Chaib en directo). Esta aposta polo contido inédito converte ao EMHU (que conta co apoio do Concello da Coruña, Turismo da Coruña, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, Xacobeo 2027 e Estrella Galicia) nunha cita ineludible para os amantes das artes escénicas.
Humor para todos os públicos
Un dos piares do EMHU é o seu firme compromiso por achegar o humor a todos os públicos: unha parte fundamental da súa programación é de entrada libre ata completar a capacidade ou mediante a descarga previa de invitacións. Entre estas citas destacan a charla ¿Esto se entiende?, o encontro humorístico-deportivo Match de Impro, o espectáculo de rúa infantil El velocípedo mágico ou as visitas guiadas á exposición Comedy Wildlife na Sede Afundación, que presenta as 72 fotografías máis divertidas da natureza nunha mostra deseñada para todas as idades. Estas dúas últimas propostas converten ao EMHU nun plan ideal para gozar en familia, grazas tamén a espectáculos como o fenómeno das acrobacias e o humor físico de Wilbur.
11 xornadas de risas ininterrompidas
Mañá mesmo, o Teatro Colón abrirá as súas portas coa dobre función de Corta el cable rojo (19:30 e 22:00 horas), un fenómeno da improvisación que marcará o ton de once días de risas ininterrompidas. Este arranque inicial completarase o venres 24 co humor canario de Omayra Cazorla co seu Disparate e unha das citas de balde máis agardadas de cada edición: o Match de Impro protagonizado pola Escola de Impro da Coruña. Ambas as dúas sesións terán lugar en Afundación.
A primeira fin de semana elevará a aposta con grandes formatos como a produción propia Animus Iocandi —protagonizada por David Perdomo, Ignatius Farray e Laura Márquez—, a dobre función de Pintando a mona xuntos, o show conxunto de Miguel Lago e Roberto Vilar, e o fenómeno de masas Estirando el chicle (que foi recoñecido co Premio EMHU Fenómeno 2022). Carolina Iglesias e Victoria Martín regresan ao Encontro Mundial de Humorismo para presentar por primeira vez en Galicia, ante máis de 1.600 persoas no Pazo da Ópera, Estirando el chicle: el show de Mentira y Traición. A programación complétase coa estrea en Galicia do novo monólogo de Nanutria.
A partir do martes 28, a actividade multiplícase en diversos escenarios e propostas, como as estreas en Galicia do novo directo de Yunez Chaib ou de Estoy como nunca de La Forte, ata as visitas guiadas á exposición Comedy Wildlife na Sede Afundación. A semana continuará nos Cantones Cines (que se suman por primeira vez como sede) coa proxección de Sujétame el cubata e o coloquio posterior con JJ Vaquero, e coa estrea absoluta de Caso, de Rober Bodegas.
O venres 1 o Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá unha curiosa charla sobre procesos creativos que nacen e desenvólvense en grupos de WhatsApp e na que participarán Luis Piedrahita, Candela Sierra (Premio Nacional de Cómic 2025), Nikki García (a voz de Google Maps), o deseñador gráfico Riki Blanco, a produtora Ximena Feijoo ou Xavi Puig (de El Mundo Today); mentres que a Praza de María Pita acollerá o espectáculo infantil El velocípedo mágico. Esa mesma mañá, e ata o día 3, celebrarase Fracaso Calidade, o primeiro curso de clown que ofrece o EMHU e que impartirá o recoñecido Jöns Pappila.
O broche de ouro coincidirá coa ponte de maio, trasladando a actividade a Palexco para as galas multitudinarias Humoris Causa e Chisteria Colectiva, con nomes como Eva Soriano, David Amor ou Galder Varas. A recta final incluirá tamén o humor físico de Wilbur, a gravación de Torreznos Podcast con Cocituber e Dani Fontecha, e a poética de Daniele Finzi Pasca con Ícaro. O festival concluirá o domingo 3 coa charla Mi media comedia entre Eva Hache e Malena Alterio e coa gala vespertina Fantastic Colofon, conducida por Luis Piedrahita, Eva Hache e JJ Vaquero, e na que se entregarán os Premios EMHU 2026 á traxectoria e ao talento dixital para pechar esta sexta edición.
Premios EMHU 2026
O Encontro Mundial de Humorismo recoñece este 2026 a Malena Alterio, El Mundo Today e Daniele Finzi Pasca pola súa contribución ao mundo do humor e da comedia. Ao longo das seis edicións do evento, figuras como Andreu Buenafuente, Antonio Resines, Marta González de Vega, Eva Hache, Siro López, Xosé Ramón Gayoso, Goyo Jiménez ou Estirando el Chicle foron homenaxeadas.
Ademais, por primeira vez, EMHU premiará a efervescencia creativa no mundo das redes sociais coa incorporación do galardón ao talento dixital, que este ano se outorgará ex aequo a creadoras e creadores de contido de Galicia: Tamara García Romero (grtamara), Pablo Meixe, Santiago Caamaño (Champi Muros), María Foscaldo (Mery Fos), Xurxo Carreño, Pepe e Lucas Romeu (Pepe y Lucas), Oliva Lojo (Oliva sin hache), Oveya Nejra e Prado Rúa.
Última chamada para as entradas
A un día de comezar a sexta edición do Encuentro Mundial de Humorismo, varios espectáculos xa penduraron o cartel de «entradas esgotadas». É o caso de citas como Chisteria Colectiva, Estirando el chicle: el show de Mentira y Traición, Fantastic Colofon ou Humoris Causa. As últimas localidades dispoñibles pódense adquirir en emhu.es e ataquilla.com.





Deja un comentario