A Deputación inaugura este xoves 30 de abril ás 19:00 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a exposición ‘Arte parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas’. A mostra propón por primeira vez un diálogo crítico e creativo entre a obra dos dous artistas, con máis de cen obras de ambos expostas, e busca recoñecer o papel central de Mercedes Ruibal na arte galega do último terzo do século XX e aspectos poucos coñecidos da intensa creatividade de Agustín Pérez Bellas.

O vicepresidente provincial Rafa Domínguez foi o encargado de presentar a mostra xunto coa comisaria Cristina Villaverde Ruibal, ilustradora licenciada en Historia da Arte, e a directora do Museo, Ángeles Tilve, salientando que “delicias como esta hai que compartilas para que todo o mundo poida gozar desta exposición, que é unha marabilla”.

‘Arte en parella’ fai un percorrido antolóxico polas máis significativas obras dos dous artistas, cubrindo as distintas etapas creativas de ambos. A traxectoria destes pintores quedou marcada pola súa intensa relación matrimonial á vez que mantiveron unha clara autonomía plástica que lles permitiu, desde mediados da década de 1950, desenvolver liñas artísticas dispares. Neste eido, a directora do Museo, Ángeles Tilve, puxo o acento en que por primeira vez o Museo lle dedica unha exposición á pontevedresa Mercedes Ruibal, “unha das mulleres que a finais dos anos 50 vai propiciar a renovación plástica galega”, e ao diálogo coa obra do seu marido, Agustín Pérez Bellas.

A mostra reúne máis de cen obras entre os dous artistas que certifican o seu papel central dentro da pintura galega do século XX, e mesmo a repercusión que acadaron tanto en Galicia e o resto do estado así como, puntualmente, en Francia e Italia. Composta por 58 pezas de Ruibal, entre óleos, debuxos e acrílicos, e 57 de Pérez Bellas, a maioría delas tintas, complétase con outros materiais que aportan contexto: álbums, carteis, “academias”, debuxos soltos, fotografías e prospectos das súas mostras por diferentes galerías españolas e estranxeiras.

Tamén se expoñen libros con dedicatorias manuscritas de diversos intelectuais, políticos e artistas que trataron, sinais do seu activismo político, deseños gráficos, discografía e exemplos da obra literaria que en vida editaron tanto Agustín como Mercedes. Está presente na mostra a relación intensa que mantiveron con outros creadores como Laxeiro, que os retratou, e co poeta Rafael Alberti, de quen, na súa faceta de pintor, tamén se amosan obras a eles dedicadas. A montaxe do Museo de Pontevedra recupera dúas entrevistas individuais realizadas para programas de televisión emitidos en 1971 e 1989.

Grazas ao traballo de documentación de Cristina Villaverde, datos biográficos sobre Mercedes Ruibal ata agora errados que asentaran sobre a pintora nada en Xeve e restaura aspectos persoais e da súa obra pouco coñecidos, tanto dos que se refiren aos seus anos na Arxentina, como dos referidos a súas estancias en Madrid e Roma.

Os aspectos sociais e políticos que tantas veces activaron a súa pintura dos anos 60 e 70 merecen un especial recoñecemento e figuran na mostra por medio dunha serie de obras, pouco coñecidas, que permanecían en distintas coleccións particulares e ás que se suman algunhas das que foron realizadas con clara vocación mural.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo