O CIFP Imaxe e Son da Coruña celebrará este mércores 20 de maio, ás 18:30 horas, no Forum Metropolitano da Coruña, unha nova edición da Gala EIS Carballeira, a entrega anual de premios ás mellores obras e proxectos audiovisuais realizados polo alumnado que actualmente remata os estudos de 2º curso nos distintos ciclos formativos do centro.
A Gala EIS Carballeira é unha das citas máis emblemáticas da comunidade educativa do CIFP Imaxe e Son. A primeira edición destes premios celebrouse no ano 1992 como un recoñecemento do talento emerxente nas áreas da Produción de audiovisuais e espectáculos, Son para audiovisuais e espectáculos, Iluminación Captación e Tratamento de imaxe, Realización de proxectos audiovisuais e espectáculos e Animacións, 3D, xogos e contornos interactivos.
Nesta edición, ademais de desvelarse os gañadores do certame de podcast E ti, que peli escolles?, organizado pola Biblioteca e o departamento de Dinamización Lingüística, entregaranse un total de quince premios que recoñecerán traballos desenvolvidos nas categorías de produción de espectáculos e proxectos audiovisuais, sonorización, gravación de son, fotografía, iluminación, vídeo, animación, retransmisión televisiva, rexiduría, dirección audiovisual, documental, ficción e espectáculo en directo. Entre os proxectos finalistas figuran títulos como Acala, A morte vermella, Barroco, Soplarei, Soplarei ou Miraxes.
A gala está organizada integramente como unha práctica interciclo polo alumnado de 1º dos ciclos de Produción, Realización, Imaxe e Son, reproducindo así unha experiencia profesional real na planificación e desenvolvemento dun evento profesional de gran formato.
Entre as persoas encargadas de entregar os galardóns participarán docentes do propio centro e tamén figuras destacadas do audiovisual galego, como o director de cinema Simón Casal ou o técnico de imaxe da TVG Manuel Esmorís, ex alumno da EIS.
Reivindicación dun teatro para a EIS
A celebración da gala no Forum Metropolitano prodúcese debido a que o CIFP Imaxe e Son continúa sen dispoñer do seu teatro habitual pola paralización das obras de reforma do e mesmo e das actuacións previstas para a eliminación do radón nas instalacións.

Fartos da situación, o alumnado segue reclamando un espazo escénico propio no que poder desenvolver a súa formación en condicións adecuadas, especialmente nos ciclos vinculados á realización de espectáculos, iluminación, son e produción audiovisual. Nos últimos meses, estudantes do centro impulsaron unha campaña de visibilización a través dun perfil en Instagram e do hastag #teatronaeisxa no que están a recibir o apoio de profesionais recoñecidos da escena e do audiovisual galego, que reivindican a necesidade de dotar novamente ao CIFP Imaxe e Son dun teatro plenamente operativo.
5 anos de promesas incumplidas
A Escola de Imaxe e Son contaba cunha infraestructura vella que precisaba dunha renovación. Unha obra que se iniciou hai dous cursos e se paralizou por problemas entre a Consellería de Educación e a empresa adxudicataria, deixando un furado no
edificio e as instalacións e equipacións técnicas de iluminación, son e rexidoría sen poder empregarse dende entón.
A obra do teatro foi un compromiso da Consellería de Educación dende o ano 2020. Nun proceso administrativo longo, unha enxeñaría realizou un estudo técnico e un orzamento da intervención, tras o cal a Consellería licitou a obra. Unha vez adxudicada a unha empresa, non se puido iniciar a execución porque non se contaba aínda coa licenza de obra do Concello nin coa de AENA, que tardaron varios meses en
concederse. Cando finalmente se obtiveron, a empresa adxudicataria renunciou, pois xa tiña comprometidas outras obras.
A Consellería tivo que convocar unha nova licitación, o que supuxo outro atraso. En 2023, as obras comezaron finalmente, retirando o patio de butacas e o revestimento do teatro. Nese momento, detectouse que o informe da enxeñaría inicial non contemplaba certas dificultades técnicas, como a necesidade de retirar manualmente o encofrado, entre outras cuestións. A empresa comunicou entón á Consellería que o orzamento debía incrementarse de forma considerable. A unidade técnica da Consellería desprazouse ao centro para verificar a situación e informou de que estaban a negociar unha contraoferta coa empresa para poder continuar coa execución. Dende entón, o único que hai no CIFP Imaxe e Son respecto do teatro e incentidume, xa que a Consellería dí non saber aínda se a empresa aceptará as novas condicións, e, en caso contrario, habería que proceder a unha nova licitación, o que implicaría un novo atraso. O feito é que dende maio de 2024 a comunidade educativa conta cun buraco no canto dun teatro, e ausencia de solucións dende a Consellería.






Deja un comentario