Baixo a premisa de facer “teatro, música e outras deformidades” nace unha nova proposta na escena cultural galega: Torta Torta. Trátase da nova compañía de Areta Bolado e Ailén Kendelman, dúas recoñecidas creadoras e antigas integrantes de A Panadaría, unha das formacións que marcou o rumbo do teatro en Galicia na última década. Nesta nova aventura, as artistas continúan o seu camiño conxunto cun estilo inconfundible que mestura música, teatro e un humor acedo e reivindicativo.
No seu camiño artístico, as teatreiras acumulan máis dunha vintena de premios, tanto conxuntos coma individuais, que distinguen o seu labor no teatro, o seu bo facer na música e o seu firme compromiso coa igualdade e os dereitos LGTBIQ+.
Un espazo propio con identidade e compromiso
Sobre a denominación e a motivación que impulsa esta nova andaina, as artistas xogan coa ironía e o dobre sentido da palabra: “En galego, ‘torta’ é non ir dereita, estar torcida; e tamén temos ‘retorta’, que é ser revirada. Se preguntas en castelán, vén sendo unha lapada. Se es latina, unha bollera. E xa se sabe que, en todos os lados, a falta de pan…”.
Este novo desafío é o lugar que Kendelman e Bolado atopan para contar o que queren e do xeito que lles gusta, asumindo o escenario como un altofalante social. Segundo explican as propias creadoras, Torta Torta é un reto para escoitarse, ver cara onde queren ir e que lles apetece contar, sempre con compromiso e tendo en mente a xustiza social, poñendo o foco en temáticas silenciadas ou en colectivos dos que normalmente non se fala.

As artistas asumen a responsabilidade de aproveitar o espazo público do teatro para poñer o foco no que as preocupa, as indigna, as move ou as fai rir, creando unha conxunción única de elementos.
Primeiros proxectos: Da «Señora orquestra» ás «Manchas de sangue»
A actividade da compañía xa está en marcha con propostas enriba da mesa. Entre as súas novas iniciativas destaca o proxecto musical «Unha señora orquestra», estreado o pasado mes de marzo. Trátase dunha proposta de muller orquestra singular e festiva, na que o público participa dun concerto onde os ritmos galegos, as músicas do leste e o folclore latinoamericano se mesturan con letras reivindicativas.
Máis aló desta peza musical, Torta Torta traballa xa na súa primeira produción teatral, «Manchas de sangue». Esta obra propón unha viaxe polo tempo que fai un percorrido crítico desde os mitos e tabús sobre a menstruación até os horrores da guerra, botando man do humor acedo e a música irreverente que as caracteriza. Moi pronto daranse a coñecer todos os detalles deste espectáculo.
Paralelamente, Ailén e Areta participarán a próxima semana na feira profesional Galicia Escena PRO para presentar as súas novidades para o sector.






Deja una respuesta