Os concellos da A Fonsagrada, Foz, A Pobra do Brollón, Monterroso, Taboada, Meira, Sarria e Vilalba acollerán as proxeccións dunha nova edición do ciclo, Mestre Mateo que continúa achegando o audiovisual galego a vilas sen salas comerciais e reforzando a rede cultural da provincia de Lugo.

Nesta edición, o público poderá ver un total de oito títulos: Sirât, As liñas descontinuas, Antes de nós, San Simón, 360 curvas, O son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado.

Nestes catro anos, leváronse a cabo 232 sesións de cinema, que reuniron un total de 6.010 espectadores e espectadoras. Estes datos consolidan o ciclo como un dos proxectos culturais con maior implantación territorial na provincia de Lugo. Nesta liña, Lucía Regueiro, membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, sinalou que “estamos seguros de que a calidade das películas seleccionadas nesta edición 2026 e a resposta do público darán continuidade a estes excelentes resultados de asistencia”.

Durante estes anos na provincia de Lugo participaron xa numerosos concellos, cun total de 40 películas proxectadas, 232 sesións de cinema e 6.010 espectadores e espectadoras.

A deputada de Cultura, Iria Castro, valorou «a continuidade deste ciclo que puxemos en marcha da man da Academia Galega en 2022 para achegar o audiovisual en galego a vilas que non contan con salas comerciais. Abrimos novas canles de difusión para as producións en galego, achegando a elas un público moi heterexéneo, mais aló dos espectadores e espectadoras que acuden habitualmente ás salas de cine»

A responsable de Cultura explicou que «o ciclo de proxeccións dá continuidade a un ano en que Lugo foi centro do audiovisual galego, coa celebracion na cidade da gala dos Premios Mestre Mateo» e destacou «a ampla representación de profesionais das comarcas de Lugo na factura das películas e documentais que se proxectarán, como finalistas dos Premios Mestre Mateo nestas categorías»

Pola súa parte, Lucía Regueiro destacou que “unha cuestión importante para a Academia é a conexión do público co cinema que se produce actualmente en Galicia. Por iso, un dos obxectivos principais do Ciclo Mestre Mateo é facilitar ás persoas o acceso a unha programación de cinema galego actual e de calidade e, moi especialmente, a todas aquelas que non contan cunha oferta de cinema comercial nas súas vilas”.

O Ciclo Mestre Mateo, creado pola Academia Galega do Audiovisual en 2022 co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, consolidouse como un proxecto clave para levar o cinema galego de calidade a vilas sen salas comerciais, creando unha rede de exhibición en centros culturais, auditorios e bibliotecas por toda Galicia. Ao longo das súas edicións, o ciclo contribuíu a facer accesibles producións destacadas do audiovisual galego, superando as limitacións dos circuítos comerciais e reforzando o vínculo da cidadanía co seu propio cinema.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo