O pasado 1 de xuño, as artistas Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü iniciaban en Santiago de Compostela a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facían na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en torno á súa proposta que ten por título Monxa Millo Sentinela, unha investigación escénica situada no final da espera, parte de 3 corpos arquetípicos: a monxa, o millo e o sentinela, que son postos en crise, pervertidos e transformados durante o proceso.
Agora, unha vez finalizada a estadía da súa residencia artística, o tándem artístico composto por Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que trá lugar no mesmo Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Compostela, o venres, 19 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Paralelamente, as creadoras participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
SOBRE O PROXECTO
No territorio galego, a nosa cultura popular, os nosos corpos e a nosa paisaxe atópanse atravesados pola promesa incumprida, desprazándoa a outros territorios ou poñéndoa en suspensión. Para desarticular a maquinaria estética que reproduce as devanditas promesas cómpre traballar na súa comprensión sensíbel.
Monxa Millo Sentinela é unha investigación escénica situada no final da espera. Monxa Millo Sentinela parte de 3 corpos arquetípicos: a monxa, o millo e o sentinela, que serán postos en crise, pervertidos e transformados.
SOBRE AS ARTISTAS
Sara Somoza é creadora escénica. A súa investigación ronda as existencias máis fráxiles, pequenas e fracasadas. Comprende a práctica escénica contemporánea como un espazo no que aquelas teñen a posibilidade de non desaparecer. Para exploralo, traballa sobre as tensións entre ficción e documental. Estudou o mestrado en Pensamento e Creación Escénica Contemporánea na Escola Superior de Arte Dramática de Castilla y León, no cal desenvolveu a peza ¿Becky Newton? Actúa, dirixe e escribe.
Ismael Eirexas Romeü é travesti e creador plástico-escénico. A súa obra como transformista desenmárcase da estética hexemónica do campo do drag, afondando en prácticas autóctonas galegas de performatividade e reinterpretándoas co obxectivo de mostrar o seu carácter disidente e crítico con respecto ó xénero. Así mesmo, a través do deseño, elaboración e presentación de máscaras como eixo central da súa investigación postula a creación dun arquivo estético e perfórmático contemporáneo que dialoga cos proxectos de re-escritura histórico-culturais queer.
Ámbalas dúas traballan en colectivo no Laboratorio da Fame.






Deja una respuesta