O Teatro Rosalía de Castro aposta este outono por unha programación diversa comprometida que se estenderá de setembro a decembro, reunindo unha ducia de espectáculos que combinan creación galega, textos contemporáneos e montaxes recoñecidas no panorama estatal e internacional.Todas as funcións terán lugar en horario de tarde-noite, xa que se representarán ás 20.30 h, agás as de domingo que comezarán ás 19.00 h; (Black Bax e El rey de la Farándula).

A tempada arrinca con As gardiás ou o nó do tecelán (11 e 12 de setembro), unha produción galega que pon o foco nos coidados e na vellez desde unha perspectiva comunitaria, abrindo unha liña temática que atravesará boa parte da programación. Tamén en clave social destaca Ubasute (25 e 26 de setembro), unha peza poética sobre o abandono e a memoria.

Un dos pratos fortes chega a comezos de outubro con El invencible verano de Liliana (2 e 3 de outubro), adaptación do libro gañador do Pulitzer 2024 de Cristina Rivera Garza, que aborda a violencia machista e a memoria das vítimas. Na mesma liña de reflexión xeracional sitúase Adolescencia infinita (16 e 17 de outubro), unha proposta escénica que revisa a identidade e os conflitos da xuventude desde a idade adulta.

O mes de novembro concentra varias das montaxes máis potentes. A compañía Ron Lalá presenta La Desconquista (6 e 7 de novembro), unha comedia musical de ritmo vertixinoso que revisita a historia imperial con humor e crítica. Pola súa banda, El entusiasmo (13 e 14 de novembro), finalista nos Premios Max, propón un complexo retrato das relacións de parella e da vida contemporánea. Especialmente impactante promete ser Violencia (20 e 21 de novembro), que afonda no trauma dun tiroteo escolar e na posibilidade do perdón.

A finais de mes, La barraca (28 de novembro) recupera o clásico de Blasco Ibáñez con temas de plena actualidade como os desafiuzamentos e o conflito social, mentres que decembro abrirá cun ton máis irreverente e político grazas a Libres!!! (11 e 12 de decembro), un cabaré sobre o movemento anarquista feminino.

Entre as propostas máis singulares figura Black Box – unha saga épica (13 de decembro), unha creación galega que mestura memoria familiar e historia a través dunha experiencia performativa. A programación complétase con El barbero de Picasso (18 e 19 de decembro), que recrea a amizade entre o artista e o seu barbeiro no exilio, e péchase con El rey de la farándula (27 de decembro), un espectáculo premiado que combina música e teatro para retratar o Século de Ouro.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo