A sexta edición de Artesanía de Galicia no Courel celebrarase entre os días 5 e 9 de agosto en diferentes localidades de Folgoso do Courel, consolidándose como unha iniciativa clave para a divulgación dos oficios artesanais e a posta en valor do traballo feito á man. Organizado pola Fundación Artesanía de Galicia en colaboración co Concello de Folgoso do Courel e a Fundación Uxío Novoneyra, o evento combinará formación especializada con actividades abertas ao público nun entorno rural privilexiado.

A programación inclúe seis cursos de iniciación con inscrición previa, centrados en disciplinas como a cerámica, a ourivería, a ebanistería, a cestería e o gancho, cun custo de 40 euros. Estes cursos desenvolveranse en diferentes espazos como o Centro Sociocultural Fondo de Vila, a Antiga Escola Unitaria de Parada e o aloxamento rural A Carbiña, e contarán con prazas limitadas para garantir unha formación personalizada. As inscricións xa están dispoñibles na web da Fundación Artesanía de Galicia.
Ademais, o evento contará con 11 obradoiros gratuítos e abertos a todo tipo de públicos, centrados en técnicas como a estampaxe, o tecido tradicional en tear, a elaboración de pinturas ou a encadernación. Estas actividades repartiranse entre o Centro Sociocultural Fondo de Vila e a Fundación Uxío Novoneyra, cun programa variado que se estenderá ao longo de toda a semana.

Este tipo de iniciativas para garantir a transmisión dos oficios ás novas xeracións. Neste contexto, destacouse a posta en marcha por parte da Xunta dunha nova liña de axudas dotada con 1 millón de euros destinada a fomentar contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro.
Con esta nova edición, Artesanía de Galicia no Courel reforza o seu papel como espazo de encontro entre artesáns, público e territorio, contribuíndo á dinamización cultural do rural e á preservación dun patrimonio inmaterial fundamental para Galicia.






Deja una respuesta