A Escola de Iniciación de Futur@s Gandeir@s busca garantir o relevo xeracional no sector agrogandeiro galego, ofrecendo unha experiencia formativa única que combina aprendizaxe práctica, convivencia e vocación profesional. Dirixida a mozos e mozas de entre 9 e 25 anos, esta iniciativa consolidouse como un referente na formación das novas xeracións. Na súa oitava edición, que se celebrará do 20 ao 24 de xullo na Finca Mouriscade de Lalín, o programa xa suma máis de 160 participantes ao longo da súa traxectoria, demostrando o crecente interese pola actividade gandeira entre a mocidade.

Durante unha semana de campamento, os alumnos e alumnas conviven nun entorno plenamente vinculado ao rural, onde adquiren coñecementos prácticos fundamentais para o manexo e coidado do gando. Máis alá da aprendizaxe técnica, a escola busca espertar vocacións e fortalecer o vínculo dos participantes cun sector clave para Galicia, ofrecendo unha primeira aproximación profesional á gandería.

A experiencia complétase coa participación en concursos de manexo en distintas feiras gandeiras ao longo do ano, permitindo aos mozos e mozas continuar desenvolvendo as súas habilidades e gañar confianza nun contexto real.

O desenvolvemento desta escola conta co apoio de distintas entidades que contribúen a facer posible esta formación, tanto a nivel loxístico como material e económico. A cooperativa rural galega CLUN e a Federación Frisona Galega (FEFRIGA) asinaron este venres un convenio de colaboración co que renovan, por terceiro ano consecutivo, a súa aposta conxunta polo futuro da gandería galega. Grazas a esta colaboración, o alumnado dispón dos recursos necesarios para aproveitar ao máximo a experiencia, desde a indumentaria ata a alimentación durante a súa estancia.

convenio clun e fegriga
O presidente de FEFRIGA, Manuel Sandamil, e o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños asinaron un convenio que busca impulsar a vocación gandeira entre os máis novos e de achegar as novas xeracións a esta actividade desde un enfoque profesional

Esta iniciativa reafirma a importancia de investir na formación e motivación das novas xeracións como piar fundamental para o futuro do rural galego, asegurando a continuidade dun sector estratéxico e promovendo un modelo de desenvolvemento sostible baseado no coñecemento, a profesionalización e o compromiso co territorio.

Deja una respuesta

Más noticias….