A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” do Concello de Santiago dedicará o mes de agosto a darlle visibilidade ao traballo de ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos e Nenas Oncolóxicos de Galicia, que leva máis dunha década acompañando a menores con cancro e ás súas familias. Será da man da tenda de moda infantil Tralalá, que acollerá diferentes actividades nas próximas semanas en favor da entidade.
Asociación de Axuda a Nenos e Nenas Oncolóxicos de Galicia leva desde o ano 2012 apoiando e acompañando aos menores afectados por cancro e ás súas familias, ofrecéndolles servizos que melloran a súa calidade de vida, e traballando para sensibilizar á sociedade sobre a realidade do cancro infantil”. ASANOG axuda ás familias a manter certo equilibrio cando a súa vida comeza a cambiar para sempre tras recibir un diagnóstico. Tamén ofrece programas para cubrir os baleiros que quedan na atención a pacientes oncolóxicos e ás súas familias, sobre todo no que tén que ver co impacto emocional e coa saúde mental de quen padece a enfermidade e da súa contorna.
ASANOG conta a día de hoxe con 860 persoas socias e atende a máis de 300 familias en toda Galicia, a inmensa maioría en Santiago. A asociación ofrece acompañamento desde o diagnóstico e e en todos os pasos da enfermidade, así como no dó nos casos casos nos que lamentablemente se produce un falecemento. Faino con asesoramento profesional, pero tamén a través de diferentes grupos, algúns específicos como os grupos de irmáns que sofren especialmente os casos de cancro infantil, ou un grupo de nova creación formado por maiores de 28 anos que sobreviviron a un cancro. Ademais ofrecen asesoramento en cuestións laborais ou na tramitación de axudas e subvencións.
O apoio de Tralalá
Susana Ferrol, da tenda de moda infantil compostelana Tralalá, agradeceu ao Concello a súa implicación neste campaña e explicou que elixiu colaborar con ASANOG “despois de vivir na familia un caso de cancro infantil que me achegou á asociación e que me convenceu de que o seu labor debe ser visibilizado e posto en valor, polo seu apoio ás familias e sobre todo porque permite que os nenos con cancro sigan sendo nenos”.
Para dar a coñecer este traballo, ao longo de todo o mes, a tenda de moda infantil Tralalá, na rúa de Xeneral Pardiñas, terá instalado un punto informativo con material da Asociación de Axuda a Nenos e Nenas Oncolóxicos de Galicia. Ademais, acollerá diferentes actividades orientadas fundamentalmente ao público infantil, como un taller de creación de pulseiras e papiroflexia, o próximo xoves 6 de agosto, a partir das 11.00 horas; ou unha sesión de pintacaras, o día 20 pola tarde. Os días 20 e 21 de agosto, Tralalá celebrará un mercadiño solidario en favor de ASANOG.






Deja un comentario