A Estratexia Galega de Lactancia Materna 2026-2030 ten como un dos obxectivos aumentar ata o 60 % os bebés que manteñen a lactación materna exclusiva aos seis meses. Esta estratexia galega, que verá a luz proximamente, é a primeira folla de ruta específica de Galicia nesta materia, que permitirá coordinar actuacións entre saúde pública, atención primaria, hospitais, comunidade educativa, empresas e entidades sociais.
Entre as medidas previstas está o reforzo do apoio ás nais desde o embarazo e o puerperio, así como impulsar a formación dos profesionais. Tamén se favorecerá as contornas máis amigables coa lactación e fortalecerá as redes comunitarias.
Melloraranse os sistemas de seguimento para que todas as familias teñan as mesmas oportunidades e o mesmo apoio vivan onde vivan, en liña coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde e Unicef, entre outros organismos.

Con motivo da Semana da Lactación Materna, que se celebra do 1 ao 7 de agosto, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado pola xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, e pola subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería, Sagrario, Pérez, visitou o punto de recollida de leite materno da área sanitaria de Ferrol, emprazado no Hospital Arquitecto Marcide, Con esta iniciativa, preténdese dar un paso máis e pasar das actuacións puntuais a un modelo integral e coordinado para toda Galicia.
Recoñecemento ás doantes e profesionais
As nais doantes son mulleres que, ademais de coidar e alimentar aos seus propios fillos, deciden compartir un recurso tan valioso para ofrecer unha oportunidade de vida e de mellor recuperación a outros bebés.
Desde finais do ano 2018 o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol permite que as nais desta área sanitaria poidan realizar aquí todo o proceso, facilitando unha doazón segura, próxima e integrada na rede pública de bancos de leite do Servizo Galego de Saúde.
No pasado ano se recolleron neste punto 31,5 litros de leite materno e, na actualidade, hai cinco doantes activas, cifras que agarda seguir incrementando.
Tamén referiu que en 2025 os dous bancos de leite do Servizo Galego de Saúde, situados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e no Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, xestionaron 670 litros de leite doada, distribuíndo case 380 litros e beneficiando a 252 bebés.
Estas cifras reflicten a solidariedade das nais e o traballo dos profesionais que fan posible que esa doazón chegue con todas as garantías de seguridade aos nenos que máis a necesitan. Ese xesto e ese traballo resultan imprescindibles na atención á saúde nos primeiros días de vida e son exemplo de como unha rede pública ben organizada achega este recurso aos bebés de toda Galicia.
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde incidiu en que a evidencia científica demostra que a lactación materna mellora a saúde dos nenos e das nais, ademais de reducir o risco de enfermidades ao longo da vida e de achegar beneficios sociais, económicos e ambientais.






Deja un comentario