O escritor J. Santoro Gallego (pseudónimo), nado en 1983 e mestre de Educación Primaria, debuta na literatura infantil coa publicación de Axencia
Máxica de Vetectives, a súa primeira obra, editada por Oqueleo, o selo editorial de Literatura Infantil e Xuvenil en lingua galega de Santillana.
Dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 10 anos, o libro publicouse inicialmente en galego e conta con distribución nas principais librarías de Galicia, así como a través de canles de venda online. Con esta primeira obra, J. Santoro Gallego preséntase como unha das novas voces a seguir dentro da literatura infantil galega, cunha proposta que combina fantasía, humor, imaxinación e unha mirada moi conectada co universo da infancia.
A historia parte dunha premisa orixinal e suxestiva: «No Val da Fantasía existe unha axencia máxica, dirixida por unha marabillosa veterinaria, medio detective, chamada Vega Vet. Por ela pasan toda clase de seres fantásticos con problemas do máis disparatado».
Axencia Máxica de Vetectives é un proxecto literario profundamente persoal, froito dun impulso espontáneo e dunha sensibilidade cultivada ao longo de máis de 15 anos de experiencia docente. A súa traxectoria como mestre permitiulle coñecer de preto os intereses, códigos e formas de imaxinar dos primeiros lectores, unha conexión moi presente nesta primeira publicación.
A obra nace, precisamente, dese vínculo cotián coa infancia e da vontade de ofrecer aos máis pequenos unha historia divertida, próxima e chea de fantasía, pensada para espertar o gusto pola lectura desde idades temperás.
Ademais do seu lanzamento editorial, a publicación deste libro supón tamén a irrupción dun novo autor con proxección no ámbito da literatura infantil. Polo seu perfil profesional, o seu coñecemento do público lector infantil e a natureza vocacional deste proxecto, J. Santoro Gallego perfílase como unha promesa da creación literaria para nenos en Galicia.






Deja un comentario