Persoas voluntarias convocadas por Afundación a través do seu programa de voluntariado Actúa traballarán mañá no complexo dunar de Corrubedo na retirada de plántulas de piñeiro (Pinus sp.). A actuación deseñouse para tratar de poñerlle freo ao seu avance que, de xeito progresivo, estalle a comer terreo á duna e ás especies propias, favorecendo a extensión do bosque e desacelerando a súa mobilidade natural.
Xunto cos piñeiros, está prevista a retirada doutras especies exóticas invasoras como Conyza sp., a margarida africana Arctotheca calendula e varios pes de áloe. Esta actividade foi planificada no marco de PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial impulsado pola Obra Social de ABANCA, a través do cal a entidade desenvolve un labor continuo de protección e posta en valor do patrimonio natural galego. A iniciativa lévase a cabo coa colaboración activa do seu voluntariado, que participa en actuacións distribuídas ao longo de distintos puntos da costa de Galicia.
O principal obxectivo deste programa é garantir a conservación destes espazos de alto valor ecolóxico e paisaxístico, promovendo accións que contribúan á súa protección e ao mantemento da súa biodiversidade co fin de salvagardar estes enclaves para as xeracións futuras, asegurando que poidan gozar deles nas mesmas condicións nas que son apreciados na actualidade.






Deja un comentario