Galicia comezará en maio a administrar a vacina de reforzo fronte ao sarampelo aos dous anos, en lugar de aos tres, para dar resposta á repunta de casos de infeccións por este virus. A medida ten que ver con que a Organización Mundial da Saúde decidiu, a finais do mes de xaneiro, a retirada do status de país libre de sarampelo que España mantiña desde 2016 e que se xustifica nunha repunta do número de casos.
Desta forma, a partir do próximo mes modificarase o calendario de vacinación infantil galego, o máis completo do mundo. Manterase a administración da vacina fronte ao sarampelo aos 12 meses (que é denominada triplevírica por incluír tamén protección fronte á rubéola e a parotidite) e adiantarase a segunda dose aos dous anos. Neste caso, coincidirá en calendario coa vacina da varicela e, polo tanto, administrarase a versión tetravírica (que protexe fronte ao sarampelo, á rubéola, á parotidite e, tamén, á varicela).
Desde maio, no centro de saúde habitual, todos os nenos e nenas nados desde o 1 de xaneiro de 2024, cando fagan dous anos, recibirán a vacina tetravírica.
Do mesmo xeito, os nados desde o 1 de xaneiro de 2023, que non estean vacinados, recibirán a vacina tetravírica aos tres anos para completar o seu calendario.
Sen casos en Galicia desde 2024
É de destacar que Galicia presenta unha elevada cobertura vacinal contra o sarampelo na poboación infantil. Roza o 95 % de nenas e nenos coas dúas doses, o cal supón unha elevada protección contra a transmisión da enfermidade.
En todo caso, a Consellería de Sanidade mantén a vixilancia epidemiolóxica do virus. No que vai de ano, ata a primeira semana de abril de 2026, foron notificadas catro sospeitas de sarampelo que posteriormente foi descartado que se tratase deste virus tras a análise microbiolóxica.
En Galicia, desde o ano 2021 só se detectaron dous casos confirmados de sarampelo, ambos en 2024, un deles importado e o outro vinculado epidemioloxicamente ao primeiro. Con todo, débese recordar a necesidade de reforzar a vacinación nalgúns colectivos, como o de sanitarios, viaxeiros e persoas migrantes ou traballadores temporeiros, co fin de aumentar a protección da poboación fronte á aparición de casos esporádicos.
Do mesmo xeito que se viña producindo ata agora, a Consellería de Sanidade lembra que calquera persoa, maior ou menor de idade, que non teña completo o seu calendario vacinal pode solicitar no seu centro de saúde a vacina que lle falte. Recoméndase ás persoas non vacinadas con anterioridade fronte ao sarampelo que pidan cita de enfermaría a través da aplicación Sergas Móbil.






Deja un comentario