A Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña presentou esta mañá o FabLab ETSAC Coruña, o primeiro laboratorio de fabricación dixital da UDC integrado na MIT Fan Lab Global Network. Esta integración supón un fito para a escola e tamén para a Universidade e sitúa á ETSAC entre o reducido grupo de escolas de arquitectura españolas que contan cun laboratorio plenamente acreditado dentro desta rede internacional.

Ademais, constitúe un dos dous únicos FabLabs activos de Galicia, convertendo á UDC nun nodo estratéxico para o desenvolvemento da fabricación dixital e da cultura maker no noroeste peninsular.

A presentación tivo lugar esta mañá na ETSAC, nun acto que contou coa participación da vicerreitora de infraestruturas e sustentabilidade da UDC, Sonia Vázquez, o vicerreitor de investigación e transferencia, Jerónimo Puertas, e o director da ETSAC, Miguel Abelleira, así como do director responsable do laboratorio, o docente do Departamento de Construccións e Estruturas Arquitectónicas, Civís e Aeronáuticas, José Antonio Vázquez.

O laboratorio naceu no curso 2013-2014 a partir da transformación do antigo taller de maquetas da escola nun espazo de fabricación dixital avanzada. Desde entón, consolidouse como unha infraestrutura de referencia en innovación, docencia e investigación aplicada á arquitectura e ao deseño, integrándose de forma transversal na actividade académica da ETSAC.

Actualmente, o FabLab participa en actividades docentes do Grao en Arquitectura, o Máster Universitario en Arquitectura, o Máster de Rehabilitación e o Máster de Formación Permanente en BIM da UDC, ademais de organizar cursos especializados en deseño paramétrico e fabricación dixital.

Equipamento avanzado e capacidades de fabricación

O FabLab ETSAC Coruña dispón de equipamento avanzado de impresión 3D, corte e gravado láser, fresado CNC, fabricación robótica e prototipado electrónico, ademais de 60 estacións informáticas con altas capacidades gráficas accesibles para alumnado e profesorado da ETSAC.

Entre os recursos técnicos do laboratorio destacan cortadoras láser, impresoras 3D, fresadoras CNC de gran e pequeno formato, sistemas de corte por fío quente controlado numericamente e un brazo robótico destinado a tarefas de fresado e fabricación avanzada. Esta dotación permite desenvolver procesos completos de deseño, prototipado e fabricación nun único espazo académico.


Investigación, colaboración e dimensión internacional

O FabLab ETSAC Coruña é tamén membro fundador da recentemente creada Rede de Investigación Universitaria en Creación e Fabricación Dixital e participa activamente en proxectos e iniciativas de innovación colaborativa, tanto no ámbito académico como social.

Ao longo dos últimos anos colaborou con diversos grupos de investigación da UDC e participou en iniciativas como Coronavirus Makers Galicia ou a Bienal Internacional MUGAK de San Sebastián. Ademais, a acreditación acadada tras a participación de persoal investigador da ETSAC no programa internacional FabAcademy 2025 reforza a proxección internacional do laboratorio e abre novas oportunidades de cooperación e mobilidade académica.

O laboratorio mantén tamén unha clara vocación de apertura á sociedade, seguindo os principios impulsados por Neil Gershenfeld desde o Center for Bits and Atoms do MIT, fundador da rede internacional de FabLabs.

Deja un comentario

Más noticias....

Descubre más desde Esto pasa en Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo