A Fundación Artesanía de Galicia achegoulles aos escolares do CEIP de Samos e do CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla, os oficios tradicionais da elaboración de zocos e da construción de pandeiretas, no marco do seu proxecto Artesanía na Escola. Os artesáns Elena Ferro e Xosé Manuel Sanín (protagonistas das dúas primeiras unidades didácticas deste proxecto de divulgación) foron os encargados de realizar as demostracións.
Artesanía na Escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta desde o ano 2023 dirixido a achegar os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico, poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e transmisor de coñecementos, divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea e transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular.
A longo prazo, perséguese a remuda xeracional nos oficios artesanais. Artesanía na Escola comezou con Eu son zoqueira, unha unidade didáctica dedicada ao oficio dos zoqueiros, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro
(Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que viu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. Elena Ferro destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira. Esta artesá conseguiu un cambio no valor deste calzado de traballo, outorgándolle un novo significado sen que perdese a súa esencia e reinventándoo como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores.

Pola súa banda, Xosé Manuel Salvado Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) é o protagonista da segunda das unidades didácticas de Artesanía na Escola. Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta.
A Fundación Artesanía de Galicia está a traballar xa coa terceira das unidades didácticas, Eu son artesán de figuras de pan, centrada na elaboración dos tradicionais amuletos de miga de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira), os sanandresiños, moldeados con fariña e pintados á man a través do artesán Jorge Bellón (Cedeira). En breve, comezarase coas primeiras demostracións en centros de ensino.





Deja un comentario