GALICIA DESIGN WEEK (GDW) pechou unha sétima edición que, a ollos da súa dirección, “consolida o evento”, converténdose na referencia do noroeste peninsular. Álex Rico Caramés e Marta González Rivas, o dúo que o codirixe o evento (unha das únicas dúas citas na Península Ibérica que forman parte da prestixiosa organización World Design Weeks), poñen en valor “o punto de encontro que representa o festival, reunindo a profesionais, con grandes referencias galegas e estatais, co gran público”.
Ao fío, salientan a “marabillosa implicación” dos axentes creativos locais que axudaron a expandir o festival pola cidade, especialmente de Restory, unha libraría de segunda man que celebra o seu primeiro aniversario na Coruña tras o seu traslado desde Barcelona e que “tivo unhaachega fundamental na programación desta edición”. Tamén destacan a presenza do sector gastro da cidade, a través de COMER, Rosmon e Gracias Por Su Visita, e do ambiente especial xerado durante as SESSIONS, as sesións musicais protagonizadas polas deseñadoras e deseñadores asistentes ao festival.
A sétima edición da GALICIA DESIGN WEEK destacou especialmente pola calidade da súa sección profesional, que contou, entre outros moitos nomes, con figuras como BURR, Costa, FRANKA, Grávita, Isabel Sierra (de Adobe Creative Studio), Studio Animal, Summa ou THRU, referentes internacionais do sector. 16 conferencias e 8 obradoiros conformaron a programación dirixida a profesionais do deseño cun éxito total de público.
“A nosa maior alegría co festival é poder coñecer en persoa a xente marabillosa á que admiramos e, ademais, poder xuntala co público nun ambiente informal que favorece a conexión real”, apuntan Marta González e Álex Rico, quen tamén agradecen aos distintos patrocinadores o seu apoio e ao seu equipo, “cada vez máis consolidado e que fai que todo funcione: Diego, Elena, Ernesto, Lucía Castro, Lucía Pita, Luis, Illán, Jacobo… e moitos máis”.
A GDW despídese ata a vindeira edición, que terá lugar en setembro de 2027, mais estes días permanecerán en pé as catro exposicións. Así, atao 14 de xuño, a cidadanía pode pode visitar na Mariña Designed in Galicia, unha mostra -sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa- que aborda o mellor deseño do país do último ano, e #novodeseñogalego, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or, e que presenta o máis salientable do talento emerxente da comunidade.
Ademais, en Studio Follow, ata finais de xuño e con cita previa, poderanse visitar as exposicións Diseño Presente. Premios ADG-Laus 2025, unha instantánea coral do deseño gráfico de hoxe, e a do ilustrador galego Xan.
GALICIA DESIGN WEEK
A GALICIA DESIGN WEEK é a gran cita do deseño galego. A sétima edición do festival, creado no 2021 pola axencia galega FOLLOW e co-organizada desde 2024 pola asociación GALICIA DESIGN, conta cunha subvención do Ministerio de Cultura do Goberno de España, co apoio da Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo; ademais de Cervezas Alhambra, Checkpoint ALS, Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Grupo Malasa e Mobalco. Tamén colaboran Accenture Song, Bendita Flor, DAG, FAD, Fundación Didac, Fundación RIA, News&Coffee, Pando Integral Cooking, Restory, Studio Follow e Vavava Haus.






Deja un comentario